Alumnos de Andalucía e Zamora realizan un intercambio co IES Maruxa Mallo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+
Alumnos de intercambio en Ordes

Alumnos de intercambio en Ordes

Preto de 50 alumnos e alumnas chegados de Andalucía e Zamora participan estes días en Ordes no Programa de Mellora da Calidade Educativa (PROMECE). Concretamente son estudantes de segundo, terceiro e cuarto curso dos institutos Castillo de Luna e Cardenal Pardo de Tavera, que permanecerán en terras galegas ata o vindeiro xoves.

Esta primeira xornada tivo o punto de partida no Museo do Traxe Juanjo Liñares (Ordes), onde foron recibidos polos anfitrións, os alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo, así como polo seu director e varios integrantes do cadro de profesorado. A continuación realizaron unha ruta etnográfica polo municipio, na que se incluíu unha parada nos castros situados na zona do Casal.

Tras o xantar  foron recibidos no salón de plenos polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, quen lles deu a benvida e mantivo un encontro no que os convidou a visitar os puntos de maior interese do municipio. O rexedor tamén tivo a oportunidade de atopar resposta a algunhas das curiosidades e dúbidas que lles suscitaba a zona de procedencia dos visitantes. Tras isto todas e todos emprenderon camiño para poder ver os murais que ao longo dos últimos anos se realizaron na vila ordense con motivo do festival de arte urbana DesOrdes Creativas. Un percorrido informativo polos grupos musicais e deportistas máis destacados da zona completaron o programa. Activades nas que se empregaron aplicacións e plataformas realizadas polo alumnado do Maruxa Mallo e que de cara a un futuro poderán ser empregadas por toda a cidadanía.

De cara aos vindeiros días están previstas visitas guiadas polas cidades de Santiago e A Coruña, así como pola costa galega e outros espazos de interese como o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía ou o castelo de Santo Antón.

20 de outubro de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.