Agustín Bastón inaugura a súa exposición de fotos e pinturas co bosque como unión
Hoxe ás 20 horas será a inauguración da exposición “Bétulas” do artista cangués Agustín Bastón. A mostra que estará aberta ao público ata o 18 de outubro e recolle arredor de 25 fotografías e pinturas, algunha das cales se estreará aquí. Agustín Bastón titula a mostra “Bétulas” xogando co significado de abedul en latín xa que os motivos teñen que ver cos bosques e ca natureza. Na mostra poderanse atopar unha serie de fotografías que teñen a particularidade de estar impresas sobre madeira, producíndose unha interacción entre a foto e a madeira e dando un aspecto tridimensional. Nestas fotos hai motivos conceptuais, de paisaxe, de estudio, aínda que, segundo o artista “todas teñen unha conexión coa natureza”. As pinturas son de liña abstracta e están relacionadas con bosques fríos, que son nos que crecen na súa maioría os abedules.
O autor, natural de Cangas, recoñece que o obxectivo desta exposición é “que se recoñeza a túa obra no teu entorno” xa que, despois de expoñer por varios lugares, “un sempre sente ganas de volver á casa”.
A exposición poderá verse en horario de 19.30 a 21.30 de luns a venres, e de 12 a 14 horas os sábados e domingos na sala Domínguez Búa.











