Aguilera destaca en Ferrol o potencial do emprendemento industrial no ámbito do naval

Intervención de Javier Aguilera
O avance do emprendemento industrial, especialmente nun sector como o naval galego, en pleno proceso de reactivación da actividade, será fundamental para contribuír á dinamización da economía e á creación de emprego de calidade, salientou hoxe en Ferrol o director xeral do Igape, Javier Aguilera.
Aguilera engadiu que o emprendemento, especialmente o de carácter industrial, está chamado a ter un papel relevante no proceso de reinvención da industria galega que está a impulsar a Xunta, no ámbito do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0.
Durante a súa intervención na presentación do curso sobre emprendemento marítimo organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e a UDC, o director do Igape salientou o completo abano de servizos que a Xunta, a través da Unidade Galicia Emprende, está a poñer a disposición dos emprendedores que buscan deseñar e crear un novo negocio e dos novos empresarios que buscan consolidar as súas empresas ou medrar cara a novos mercados. Servizos entre os que citou a Rede Galega de Mentores, con empresarios expertos dispostos a compartir, de xeito altruísta, a súa experiencia en xestión con novos emprendedores.
O director xeral do Igape destacou igualmente os variados instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador. Aguilera referiuse en concreto aos fondos de capital risco da Xunta -entre os que citou o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, XesInnova e i2C-, a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados, ou a liña de préstamos directos Igape-Jeremie, que está a servir de apoio para proxectos industriais de calado pero tamén para proxectos de novos emprendedores.
Responsables do Plan Ferrol, que coordina o Igape, participaron tamén nesta xornada para explicar aos emprendedores participantes o marco diferencial de apoios que o emprendemento, especialmente o de carácter industrial, pode atopar nas comarcas, como o fondo de capital risco Xes Impulsa Ferrol ou os microcréditos ou préstamos con bonificacións especiais.











