AGACA e CTC presentan Innoalcoop, o proxecto sobre innovación na comercialización e procesado alimentario
Mañá preséntanse os resultados do proxecto Innoalcoop, que busca responder ás necesidades comúns mediante a colaboración entre os sectores agroalimentarios de Galicia para, servíndose da innovación tecnolóxica, atopar novos usos e solucións viables para o procesado e comercialización de alimentos de V Gama Funcional.
Innoalcoop traballa con produtos hortícolas e cárnicos achegados polas cooperativas Cogal, Horsal e Melisanto. En concreto, elaboráronse cinco tipos de rolos de carne: de tenreira, de porco, de polo, de coello e de poldro, preparados xunto con alimentos de horta e ovos, segundo as receitas de Flavio Morganti, que se poderán probar nunha cata incluída na Xornada.
Os pratos seguen formulacións nutricionais novidosas, que abranguen o abano nutricional base dunha dieta atlántica completa e equilibrada, e cociñáronse mediante condicións de procesamento específicas para a súa preservación nutricional e presentación estética.
O CTCavaliou as distintas fases do proceso, dende a materia prima ata a reacción do consumidor ante o produto rematado, de xeito que se puidesen determinar as mellores opcións de preparado para cada rolo, mantendo valores nutricionais equilibrados e modos de preparación rendibles.
O proxecto Innoalcoop forma parte das “Accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal” desenvolvidas pola Consellería do Medio Rural durante o ano 2015.











