AFAL Ferrolterra está presente nas XIII Xornadas Interdisciplinares de FAGAL en Santiago
AFAL Ferrolterra estivo presente o pasado sábado nas XIII Xornadas Interdisciplinares de FAGAL –Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia- , que se celebraron na Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela. E fíxoo da man dunha nutrida delegación de traballadores e xunta directiva, e da terapeuta ocupacional Noelia Ríos, coordinadora do Centro de Día da Rede Pública de Alzheimer de Ferrol. Foi ela a encargada de presentar, xunto a un representante da asociación de Chantada (AFACHAN), o Manual de Intervención de Terapia Ocupacional en Alzheimer e outras demencias, pensado para que cada terapeuta ocupacional desempeñe o seu traballo nunha mesma liña. Nel, se define o procedemento de avaliación, intervención, seguemento e rexistros específicos de Terapia Ocupacional. Un manual que se publicará en formato electrónico para a súa consulta.
Trátase dun proxecto promovido por FAGAL no que colaboraron a maioría das asociacións de Galicia e que, durante os últimos meses, coordinou a traballadora de AFAL Ferrolterra.











