Adif comunica que non ten previsto pechar o aparcamento da praza da Estación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O aparcamento da Praza da Estación do Tren seguirá sendo de uso público e libre de pago, polo menos, a curto prazo. Esto é o que se desprende do escrito que Adif remitiu ao Concello en resposta aos informes municipais e ao acordo plenario en oposición á intención do organismo estatal de habilitar un párking de pago nese espazo. Pese á comunicación recibida hoxe, o goberno local advirte que manterase expectante e seguirá presionando ante os organismos competentes para que a decisión sexa firme e definitiva.

Segundo se expón no escrito asinado polo director do contrato e o subdirector de Construción II das obras da Alta Velocidade de Adif, o proxecto de obras do que se dou conta ao Concello hai uns meses “so prevé as obras de renovación e acondicionamento do aparcamento con arranxo a un deseño que permitiría a instalación de barreiras, pero dita instalación NON ESTÁ PREVISTA no proxecto, polo que tras as obras, o acceso ás prazas de aparcamento quedaría dispoñible libremente ao público”. Engaden que “para a súa explotación comercial como aparcamento de pago é necesario realizar obras non previstas no contrato que se atopa en execución actualmente”. É dicir, que as obras que se acometerán en breve limitaranse a “ordenar mellor os accesos ao entorno da estación, diferenciando a circulación de vehículos pesados dos lixeiros para impedir colapsos no momento de chegada e saída dos trens”. En todo caos, e atendendo ás obxeccións realizadas dende o Concello, a dirección de Construción de Adif “ponse a disposición dos técnicos municipais para acordar unha solución ao tráfico”.

Lonxe de tranquilizar ao goberno local, a comunicación disparou un maior nivel de alerta posto que dende a Dirección de Coordinación de Construción de Adif engádese que a forma de explotación do aparcamento é unha decisión que lle corresponde adoptar a outros departamentos de Adif, en concreto á Dirección de Estaciones de Viaxeiros e á Dirección Xeral de Servizos a Clientes e Patrimonio.

Fora da competencia municipal

No mesmo escrito, Adif lembra que a Praza da Estación atópase en terreos de dominio público propiedade de Renfe e que, conforme á recente Lei 38/2015, de 29 de setembro do Sector Ferroviario e como xa recollía a lei que a antecedía, a do ano 2003, os terreos ocupados polas infraestruturas ferroviarias que formen parte da Rede Ferroviaria de Interese Xeral deben ser calificados nos Plans Urbanísticos dos Concellos como “sistema xeral ferroviario ou equivalente, de titularidade estatal”, polo que queda fora da competencia municipal a actuación que a desenvolver neles.

O equipo de goberno socialista teme que a suspensión temporal de privatizar o aparcamento da estación se deba unicamente á proximidade das eleccións xerais do mes de decembro e coa finalidade de evitar novos conflitos sociais que puideran incidir nos comicios. O alcalde, Alberto Varela, xa asegurou esta mañá que o goberno mantense alerta e dirixirase aos departamentos ou organismos que sexa preciso para impedir que esa importante bolsa de aparcamento de Vilagarcía se peche ao público ou os veciños teñan que pagar por utilizala. “Insistiremos en que a privatización dese estacionamento non é necesario para o servizo da estación e, pola contra, provocaría un enorme prexuízo aos veciños da zona e a Vilagarcía en xeral”, sinala o rexedor.

28 de outubro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.