Activado o protocolo do ébola no Chuac tras ser detectado un caso sospeitoso
O departamento de Saúde Pública do Sergas activou o protocolo do ébola tras o ingreso este martes, no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) dun home, natural de Guinea, que presentaba dende hai varios días febre. Ante a posible sospeita de que se tratase dun caso de ébola, solicitáronse os medios anticontaminación e tomáronse as mostras para confirmar ou descartar se se trata do virus.
Segundo un comunicado difundido pola Consellería de Sanidade, as mostras tomadas foron enviadas para a súa análise ao Centro Nacional de Microbioloxía en Madrid e é previsible que os resultados estean “nas próximas horas”.
Pola súa banda, o paciente foi trasladado, a primeira hora da mañá deste mércores, nun dispositivo especial do 061 ao centro de referencia para casos sospeitosos de ébola, no Hospital Meixoeiro de Vigo.
Non obstante, en caso de confirmarse a presenza do virus, será derivado a un dos hospitais que se fixaron no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde como unidade de referencia para o tratamento de casos confirmados.
PACIENTE DE GUINEA
Outras fontes sanitarias indicaron que se trata dun varón procedente de Guinea que presentaría febre dende hai uns cinco días. O paciente acudiu, xunto aos seus familiares, ao servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña na tarde deste martes, onde permaneceu, ata o seu traslado este mércores a Vigo, nun box illado.
Segundo Sanidade, xa na tarde do martes, “tras comprobar que cumpría os criterios epidemiolóxicos e clínicos compatibles con infección por virus do ébola, se activou o protocolo de actuación nestes casos, “en coordinación e comunicación permanente” co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Ao hospital, desprazáronse responsables de Saúde Pública para, segundo explica, “conxuntamente co equipo do centro, servizo de Medicina Preventiva, Dirección, Infecciosos, Microbioloxía e servizo de Urxencias, “abordar a sospeita epidemiolóxica”.
Á ESPERA DOS RESULTADOS
Por outra banda, engade que, seguindo os protocolos, “se tomaron as mostras necesarias para confirmar ou descartar unha infección polo virus do Ébola, que foron enviados para a súa análise ao Centro Nacional de Microbioloxía en Madrid”.
En caso de confirmarse a sospeita, sinala que se levará a cabo o traslado dende o centro vigués a un dos hospitais que se fixaron no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde como unidade de referencia para o tratamento de casos confirmados.
No seu comunicado, a Consellería de Sanidade, -que convocou unha comparecencia informativa no Hospital Meixoeiro de Xurxo Hervada-, e a Dirección Xeral de Saúde Pública agradecen aos profesionais tanto do Chuac coma do Chuvi “a súa xenerosidade e imprescindible colaboración, así como aos seus equipos directivos”, grazas aos cales, segundo engade, “é posible manter a alta calidade asistencial”.











