Abelairas denuncia que a Xunta está a recortar os recursos destinados á loita contra as violencias machistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, asegurou hoxe que a Xunta está a recortar os orzamentos dedicados a loitar contra as violencias machistas. Esta mañá, na escalinata da Deputación de Pontevedra, gardouse un minuto de silencio polo asasinato dunha muller en Vigo no que participou a deputada de Igualdade, ademais doutros membros do goberno provincial.

Abelairas, que informou que a presidenta se atopaba na cidade olívica participando nunha convocatoria de repulsa contra o asasinato acontecido onte en Vigo, fixo un chamamento directo a Feijóo e á Xunta de Galicia solicitando “que poña sobre a mesa recursos económicos e actuacións concretas para loitar contra a violencia machista”.

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra manifestou que “non valen xa convocatorias de minutos de silencio ou manifestacións, senón que hai que poñerse a traballar para impulsar políticas de igualdade”. Neste sentido, Abelairas subliñou que “a Xunta de Galicia está acernando os recursos dedicados á igualdade, retirando, por exemplo, as partidas destinadas ás campañas de sensibilización e limitando as destinadas á atención de vítimas de violencia machista nos concellos”.

Xa para rematar a deputada de Igualdade instou o presidente da Xunta de Galicia para que convoque “inmediatamente os axentes sociais para a constitución dunha mesa contra a violencia machista e se poña, dunha vez por todas, á fronte das políticas de igualdade”.

Desde o pasado mes de setembro as vítimas de violencia machista na provincia duplicáronse acadando a cifra de seis. A nivel nacional son, con esta nova vítima de Vigo, 39 as mulleres asasinadas, e outros cinco casos están á espera de investigación.

30 de outubro de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.