Abel Caballero: “Gómez Besteiro vai ser o próximo presidente da Xunta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, proclamou este mércores que “Gómez Besteiro vai ser o próximo presidente da Xunta”, e foi máis alá ao afirmar que “o PSOE o vai gañar todo”, en referencia ás próximas citas electorais (autonómicas e xerais).

En declaracións aos medios durante unha visita á feira Conxemar, Caballero referiuse ao secretario xeral do PSdeG, como o próximo presidente galego. “É un dato para min, igual que o seguinte presidente no Goberno de España, en xaneiro, vai ser Pedro Sánchez”, engadiu.

“Estoullo a dicir a calquera que me queira escoitar. Díxeno 30 veces. Cando eu digo que o PSOE o vai gañar todo, estoume a referir a que imos gobernar España e imos gobernar a Xunta. E creánme que teño olfacto político, xa o saben”, sentenciou.

Sobre o seu eventual apoio a Gómez Besteiro nas primarias para que sexa candidato, Abel Caballero evitou pronunciarse e subliñou que votará o que queira, nun “voto anónimo”. “Pero creo intuír o que vai decidir o PSdeG, e sobre todo, o que van dicir os electores”, aseverou.

GÓMEZ BESTEIRO

O secretario xeral dos socialistas galegos, Xosé Ramón Gómez Besteiro, quen acompañou a Abel Caballero na visita a Conxemar, tamén se referiu ás eleccións galegas do próximo ano e, á pregunta de se o ve candidato, recordou que está “nesa posición”.

A continuación, aclarou que o seu partido non está preocupado por se Feijóo será ou non candidato novamente á presidencia do goberno galego. Así, avogou por “deixar os rumores e inquietudes do PP nas leas internas do PP”, xa que a prioridade dos socialistas é “resolver os grandes problemas de Galicia”.

Nesa liña, apuntou que nin os cidadáns galegos nin os españois perciben a recuperación económica da que presumen os populares e, no caso de Galicia, “todos os indicadores din que vai peor que o resto de España”.

Finalmente, referiuse á candidatura de Pedro Sánchez á presidencia do Goberno, e subliñou o seu “compromiso” coa cidadanía, especialmente cos que “o pasan mal”. Segundo o seu criterio, os electores queren “poñer fin a 4 anos absolutamente tristes e agónicos” do PP.

7 de outubro de 2015 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.