A Xunta vincula ao traslado o amoreamento de pacientes en urxencias do Chuvi
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, asegurou que o “amoreamento” de pacientes nas urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) responde a “algunhas disfuncións” producidas polo traslado e animou ás persoas a vacinarse contra a gripe para “evitar esa situación”.
Así manifestouno nunha rolda de prensa de presentación da campaña da gripe en Vigo a preguntas dos xornalistas en relación con denuncias dos profesionais acerca de que nas urxencias do novo hospital xa houbo “amoreamento de persoas”, o que vinculan á “complexidade, ao mal control, ao deseño de urxencias e á falta de persoal”.
López-Chaves remarcou que no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) houbo un traslado que “orixina algunhas veces algunhas disfuncións”, pero en todo caso asegurou que isto “se irá pouco a pouco corrixindo”.
Neste sentido, subliñou que o novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro e anunciou que “vai tomar medidas”. “Eses problemas que poden existir ao principio vanse arranxar simplemente coa normalización”, insistiu.
Acerca da maior afluencia pola gripe, chamou a esperar a ver “como – se- responde” e animou á xente a que se vacine “para evitar esa situación”. “Se non nos vacinamos se pode orixinar un incremento da incidencia da gripe, se nos vacinamos seguro que non vai haber tantos problemas”, incidiu.
CAMPAÑA DA GRIPE
O delegado e a xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijóo-Montenegro, presentaron este venres en Vigo a campaña da gripe deste ano, que empezará este luns, 19 de outubro, e na que a Consellería de Sanidade adquiriu un total de 530.100 vacinas antigripais e inverteu 1,9 millóns.
Ambos os dous recordaron que entre os obxectivos específicos está o de alcanzar unha cobertura de vacinación do 65 por cento entre a poboación maior de 65 anos, pois o ano pasado a provincia non chegou ao 50 por cento -Vigo quedou no 48% e Pontevedra no 49%-. Así mesmo, tamén incidiron na vacinación do persoal sanitario co obxectivo de alcanzar unha cobertura do 35 por cento.











