A Xunta traslada ao Concello de Ferrol a súa colaboración técnica para completar o saneamento da ría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
O director de Augas de Galicia na reunión co alcalde de Ferrol

O director de Augas de Galicia na reunión co alcalde de Ferrol

A Xunta trasládalle ao Concello de Ferrol a súa colaboración técnica para completar o saneamento da ría e mellorar a calidade das súas augas. O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, na que tamén participou o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Francisco Marín.

Nesta reunión todas as administracións destacaron a importancia do saneamento e depuración da ría de Ferrol. Neste sentido, na xuntanza abordaron a necesidade de seguir traballando para construír todas as instalacións necesarias para depurar as augas e mellorar a calidade da ría. Cabe precisar que a posta en marcha desas instalacións correspóndelle ao Concello de Ferrol.

Gonzalo Mosqueira lembrou que o Concello de Ferrol ten que exercer as súas competencias e cumprir as súas obrigas, así como ter todas as instalacións preparadas para que cando remate a construción dos colectores se poidan depurar todas esas augas.

Mosqueira explicou que calquera cuestión que poida xurdir en relación á construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) terá que ser analizada pola Confederación Hidrográfica, que foi quen executou as obras. Tamén aclarou que lle correspondería á empresa construtora da EDAR facer as reparacións oportunas nestas instalacións, no caso de que fora necesario.

O director de Augas de Galicia salientou a relevancia de que todas as administracións competentes nesta materia traballen de xeito coordinado para lograr o obxectivo común de mellorar a depuración das augas, dotando así de maior calidade de vida aos veciños desta zona.

2 de outubro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.