A Xunta reserva 24 millóns de euros para a construción da Cidade da Xustiza de Vigo
A Xunta de Galicia vén de reservar nos seus orzamentos para os vindeiros anos máis de 24 millóns de euros para o novo edificio xudicial de Vigo, incluída unha partida de máis de 3 millóns de euros consignada no 2016, aínda que segue sen contar cos terreos que debe ceder o Concello de Vigo e sen os cales é imposible levar a cabo a actuación.
A Xunta de Galicia leva seis anos agardando polos terreos e unha vez máis en 2016 volve a consignar máis de tres millóns para poder iniciar as obras, aos que se suman outros 11,5 en 2017 e 9,5 máis en 2018, segundo o ritmo previsto de execución para unha obra desta envergadura, que ten previsto que sexa como máximo de 28 meses.
En todo caso, e por si se puidese avanzar a maior velocidade -sempre que a Xunta conte por fin cos terreos-, os propios orzamentos de 2016 recollen na memoria que a partida para o vindeiro ano podería ampliarse adiantando Investimentos previstos inicialmente para os seguintes exercicios.











