A Xunta reforza cun novo vehículo o servizo de Policía Local de Redondela

Alfonso Rueda na entrega do vehículo en Redondela
O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron hoxe Redondela, onde se fixo entrega ao concello dun novo vehículo de Policía Local, totalmente equipado.
O coche foi recibido polo alcalde de Redondela, Javier Bas, tras asinar un convenio de colaboración para a súa cesión; e forma parte dun remanente producido na xestión dunha orde de axudas da Vicepresidencia, cuxo obxectivo era adquirir vehículos e motocicletas a concellos de menos de 50.000 habitantes e corpo de policía local propio.
Ao abeiro desa orde entregáronse 48 vehículos, que sumados ás novas entregas mediante convenios, superan os 50 en toda a Comunidade. Con esta iniciativa, a Xunta reforza a súa colaboración cos concellos para a mellora dos servizos de seguridade e de xestión de emerxencias de Galicia.
Rueda destacou a importancia da colaboración e da cooperación entre Administracións, especialmente cando se trata de ofrecer un mellor servizo aos cidadáns en materias tan sensibles como as emerxencias ou a seguridade cidadá. Outros exemplos desta frutífera colaboración son os parques de bombeiros comarcais, os voluntarios de Protección Civil ou os Grupos de Emerxencias Municipais, GES.











