A Xunta porá en servizo o aparcadoiro disuasorio de Lonzas con 176 prazas e un investimento de 566.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ao remate das obras. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na visita ao remate das obras. Foto: M. Fuentes

A Xunta porá en servizo mañá o aparcadoiro disuasorio de Lonzas, na Coruña, que conta con 176 prazas e un investimento de máis de 566.000 euros. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o remate das obras destas instalacións.

Ethel Vázquez destacou que esta nova infraestrutura supón unha importante mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas que se acheguen ata esta cidade e, ao tempo, permite avanzar nunha mobilidade urbana e interurbana cada vez máis sustentable.

Este aparcadoiro foi construído nunha parcela que no seu día propuxo o Concello da Coruña, expropiada polo Ministerio de Fomento para a execución da autovía de acceso á cidade (AC-14), no tramo Lonzas-A Zapateira. Trátase dun espazo situado na contorna da glorieta de conexión da AC-14 coa Rolda de San Cristovo, o que lle outorga unha boa conexión coa rede viaria de accesos á cidade e tamén coa estación de ferrocarril.

Vázquez explicou que esta localización estratéxica fai deste aparcadoiro de Lonzas un lugar idóneo para o intercambio entre transporte particular e público e que, tamén favorecerá prácticas de uso compartido do automóbil como o carpooling. Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na necesidade da instalación dunha parada de autobús urbano no aparcadoiro por parte do Concello da Coruña, co fin de lograr que estas inmediacións funcionen como intercambiador de modos de transporte.

Así mesmo, a conselleira explicou que ademais do acondicionamento desta parcela de máis de 6.000 metros2 para dotala das prazas de estacionamento, tamén se levaron a cabo actuacións complementarias como a reposición dun camiño peonil existente, que lles permite aos veciños de San Cristovo das Viñas acceder á zona da igrexa, ou distintos traballos para minimizar o impacto visual da actuación.

Pulo á intermodalidade

Vázquez salientou que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano amosan o pulo no eido da mobilidade, xa que contemplan 2,5 millóns de euros para a intermodalidade, dos que case medio millón está reservado á redacción do proxecto da estación intermodal da Coruña.

A titular de Infraestruturas subliñou que o Goberno galego tamén segue a traballar no impulso do Plan de Transporte Metropolitano, que contará cunha partida superior aos 10 millóns de euros, o que supón un incremento dun 16% con respecto ao pasado exercicio.

O Executivo autonómico tamén reserva nos seus presupostos para o próximo ano un total de 1,2 millóns de euros para continuar coa execución de sendas peonís e ciclistas.

En definitiva, a conselleira de Infraestruturas aclarou que os orzamentos da Xunta de 2016 recollen importantes partidas que permitirán seguir completando a folla de ruta do Goberno galego, potenciando a intermodalidade; favorecendo os desprazamentos dos galegos; e avanzando nunha mobilidade alternativa que sexa cada vez máis respectuosa co medio.

21 de outubro de 2015 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.