A Xunta pon en valor o papel da mediación coma solución de conflitos e evitar o procedemento xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín clausurou hoxe as Xornadas de Mediación Civil e Mercantil organizadas polo Colexio de Avogados de Pontevedra no marco do “Convenio de colaboración entre o CXPX, o Ministerio Fiscal, a Universidade de Vigo, o Colexio de Avogados de Pontevedra e a Xunta de Galicia, para o desenvolvemento dun programa de mediación familiar intraxudicial”, onde puxo en valor a mediación como solución de conflitos evitando o recurso ao procedemento xudicial.

A Xornada, segundo relatou o director xeral, ten por obxectivo acadar a axeitada formación nunha materia que se atopa nuns momentos de gran actualidade, e necesaria nesta época na que a crecente xudicialización do ordenamento supón unha carga adicional á Administración de Xustiza en materias nas que a súa intervención non sempre está xustificada, polo que explicou que a mediación coma actividade neutral, independente e imparcial axuda a coñecer as causas e consecuencias de ocorrido, a confrontar as súas visións e a atopar solucións para resolver aquelas, polo que constitúe unha canle fundamental na resolución de conflitos naqueles ámbitos nas que se está a implantar, como ferramenta complementaria ás solucións tradicionais, sendo unha peza clave na modernización da Administración de xustiza.

Juan José Martín explicou que desde o goberno galego apostase por este mecanismo, fundamentalmente a través de mediacións intraxudiciais, e así está implantada a chamada mediación intraxudicial no ámbito do Dereito de Familia nas catro provincias galegas. Ademais, en xullo de 2013 asinouse un convenio co Consello Galego de Cámaras de Comercio para que estas desenvolvan mediacións no ámbito da recente Lei 5/2012, de xullo de 2012 sobre mediación civil e mercantil. E está en marcha en Ourense a mediación penal, circunscrita aos delitos contra a seguridade do tráfico rodado, en colaboración coa Fiscalía Xeral do Estado e o Poder Xudicial.

Desde a Xunta, mantense a aposta por implantar experiencias mediadoras nos órganos xudiciais galegos, estender paulatinamente a mediación no ámbito familiar intraxudicial a todas as cidades galegas, e poñer en marcha a mediación intraxudicial noutras ordes xurisdicionais, como a penal.

A mediación como mecanismo da busca dunha solución dialogada e alternativa ao proceso xudicial, é unha oportunidade, porque efectivamente a mediación é un mecanismo voluntario que permite solucionar o conflito coa intervención dos propios interesados, sendo pois unha solución á que se chega coa intervención das partes, vai ser mellor interiorizada e aceptada polos propios opoñentes, sendo polo tanto unha solución menos traumática, máis áxil e máis económica para as partes, concluíu o director xeral.

30 de outubro de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.