A Xunta organiza un acto promocional que achega aos consumidores ourensáns o leite selo Galega 100%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Marisol Díaz nos actos de promoción do leite

Marisol Díaz nos actos de promoción do leite

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou nos actos da campaña “O leite que fai crecer Galicia” dirixidas aos consumidores desta provincia. O obxectivo desta iniciativa é promocionar e fomentar o consumo do leite de calidade amparado polo selo Galega 100%. A xornada consistiu na instalación dun posto na planta baixa da Delegación territorial con distintos produtos lácteos e a súa etiquetaxe e o reparto de bolsas na rúa aos cidadáns.

Díaz Mouteira subliñou que o futuro do sector lácteo galego para por unha aposta clara pola calidade do produto e explicou que a implantación deste distintivo entre a sociedade aumentará o valor engadido do leite, o que redundará en prezos rendibles para os produtores e accesibles para os consumidores.

Así, a delegada territorial lembrou que este selo representa unha garantía para os consumidores, xa que ao comprar leite etiquetado con Galega 100% saben que están a consumir un produto de primeira calidade que ten como orixe a nosa Comunidade.

Ademais, Marisol Díaz Mouteira indicou que este tipo de promocións contribúe á concienciación da sociedade sobre a calidade que ten o leite producido en Galicia e os beneficios ligados ao seu consumo. Neste senso, a máxima representante do Goberno galego en Ourense tamén explicou que o feito de comprar leite de Galega 100% implica unha mellora do nivel de vida dos nosos gandeiros e, en definitiva, en beneficios económicos para o sector lácteo galego.

Esta iniciativa promocional estase levando a cavo nas capitais de provincia galegas coas respectivas asociacións de consumidores. A campaña iniciouse a pasada semana en Lugo e, tras percorrer A Coruña e hoxe Ourense, rematará o 23 de novembro en Pontevedra.

Selo Galega 100%

Este distintivo de calidade identifica o leite e produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados por esta marca procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria e que están inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtos de leite.

28 de outubro de 2015 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.