publicidade hoxe

A Xunta Local de Seguridade analizou a situación no municipio de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Xunta Local de Seguridade

Xunta Local de Seguridade

O Concello de Carballo vén de acoller a celebración dunha sesión da Xunta Local de Seguridade na que se puxo de manifesto que se manteñen uns parámetros similares aos reflectidos nas análises de anos anteriores, transmitindo as autoridades unha mensaxe de tranquilidade, xa que, máis aló de certas situacións puntuais e pouco habituais, non se ten detectado un incremento nas infraccións en materia de seguridade rexistradas nos últimos meses. Así mesmo, tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Subdelegado do Goberno, Jorge Atán, que presidiron a reunión, quixeron resaltar o elevado nivel de eficiencia das forzas de seguridade. Unha proba disto é o incremento no nivel das detencións realizadas pola Policía Local, que son un total de 10 no que vai de ano 2015, fronte ás 6 rexistradas en todo o ano 2014. Esta eficiencia vén como consecuencia do estreito traballo de colaboración da Garda Civil e a Policía Local, que realizan xuntanzas periódicas para coordinar o seu labor. No que respecta á vixilancia, tamén hai que salientar o traballo continuado de prevención nos centros educativos municipais, que contan cun elevado número de alumnos e alumnas, chegándose aos 4.265, 198 máis que no curso anterior. O labor centrouse na prevención, no control de consumo de drogas e tamén na organización e control do tráfico. A Xunta Local de Seguridade tamén serviu para marcar as próximas actuacións que se realizarán en materia de prevención. Con motivo do Nadal, porase en marcha un programa especial de seguridade no sector comercial da vila, para facilitar que a tempada de vendas transcorra sen incidencias.

O Subdelegado do Goberno tivo, así mesmo, a oportunidade de constatar que o Concello cumpre coa normativa de espectáculos pirotécnicos, respectando en todo o momentos os procedementos requiridos pola lei. Na orde do día tamén se incluíu unha análise da situación da violencia de xénero no municipio. A Xunta Local de Seguridade manifestou a súa condena respecto deste tipo de actos, entendendo que a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade en todos os espazos da actividade política e, nomeadamente, no ámbito forzas de seguridade. Durante a Xunta Local de Seguridade tamén houbo a oportunidade de analizar os datos reflectidos no Informe de valoración de seguridade cidadá no termo municipal realizado pola Policía Local. As forzas de seguridade fixeron fincapé nos labores de vixilancia realizados, ademais de nos centros de ensino, en zonas específicas de ocio e diversión; en zonas susceptibles de celebración de botellóns; no polígono industrial e comercial de Bértoa; en zonas susceptibles de ser escenario de tráfico e/ou consumo de drogas; e tamén nas feiras e mercados, festas populares e festas patronais.

Un total de 54 alcolemias positivas no que vai de ano

No que respecta ás cifras máis polo miúdo, no que levamos de ano téñense rexistrado no casco urbano 123 accidentes de tráfico, sendo remitidos ao xulgado 20, 5 máis que no mesmo período do ano pasado. As autoridades incidiron en que o 33,33 por cento dos incidentes se produciron por faltas de atención ao volante, mentres que o 13,82 foron por non respectar as prioridades de paso e o 10,56 por conducir baixo a influencia das bebidas alcólicas. Neste sentido, no que vai de 2015 as probas de alcolemia positivas foron 54, 13 delas realizadas con motivo de accidentes de tráfico. Aínda que o informe reflicte un lixeiro descenso na cifra global de condutores ao volante que circulan baixo os efectos de bebidas alcólicas respecto do ano pasado, tamén se ten rexistrado un incremento nos últimos tempos, polo que as forzas de seguridade solicitan a colaboración cidadán para axudar a evitar estas situacións. No que vai de 2015, a Policía Local ten efectuado un total de tres controis e campañas en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, arroxando un balance de 11.197 vehículos controlados con 157 denuncias tramitadas. O número de incidencias viarias e de carácter asistencial no municipio ao longo deste exercicio é de 1.875. Así mesmo, durante o 2015 téñense retirado da vía pública 98 vehículos, case todos por ocasionar incidencias na circulación.

Estiveron presentes na Xunta Local de Seguridade, ademais do Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e do Acalde de Carballo, Evencio Ferrero, Milagros Lantes Seara, Concelleira de Seguridade e 2ª Tenente de Alcalde; Miguel Ferreiro, Concelleiro do grupo político municipal do PP; Roberto Mosquera Martínez, Xefe da Policía Local do Concello de Carballo; Francisco Javier Souto Facal, responsable de Protección Civil de Carballo; Fernando Pedreira Lata, Xefe accidental da Comandancia da Garda Civil da Coruña; José Manuel Casas Suárez, Xefe do posto principal da Garda Civil de Carballo; Antonio Nieto Lamas, Inspector da Unidade Adscrita da Policía Autonómica; e Eva Vázquez Castelo, Vicesecretaria da Delegación do Goberno en Galicia. Aínda que non son integrantes de pleno dereito da Xunta Local de Seguridade, tamén asistiron, con voz e sen voto, os representantes dos grupos municipais de TEGA e PSOE: Estefanía Canosa e Valentín Costa.

29 de outubro de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.