publicidade hoxe

A Xunta inviste máis de 64.000 euros no arranxo das vías de Roibeiras e Noville en Mugardos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMugardos
A-
A+
Belén do Campo na visita a Mugardos

Belén do Campo na visita a Mugardos

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, visitou esta mañá o municipio, onde veñen de realizarse diversas obras ao abeiro do Plan marco de mellora de camiños rurais municipais 2014-2015, a través dunha achega económica da Consellería de Medio Rural.

O departamento autonómico destinou a estas actuacións unha partida de máis de 64.000 euros, coa que se levou a cabo a mellora da capa de rodadura e da sinalización horizontal, co fin de mellorar a confortabilidade dos condutores e a seguridade viaria das pistas localizadas nos lugares de Roibeiras e de Noville. Ademais, acometeuse a limpeza e perfilado de cunetas. En total, traballouse sobre un quilómetro de vías.

Segundo indicou Do Campo, este tipo de proxectos “son moi ben acollidos entre os veciños e veciñas das zonas nas que se actúa”, pois apuntou, “contribúen a facilitar os desprazamentos da poboación e a dignificar e mellorar a súa calidade de vida, á vez que arranxan as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”. Na mesma liña, a representante do Goberno galego na provincia apuntou que o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo intervencións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno.

A delegada territorial tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Mugardos. Neste senso, amosouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.

22 de outubro de 2015 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.