A Xunta implantará a tarxeta metropolitana social en Mugardos dende o 1 de novembro
A Xunta implantará a Tarxeta Metropolitana Social no Concello de Mugardos dende o día 1 de novembro, con descontos adicionais no transporte para as persoas con dificultades económicas e estudantes. Para a coordinación deste servizo, a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, mantivo hoxe unha reunión co alcalde, Juan Domingo de Deus e co concelleiro de Servizos.
Trátase dunha nova vantaxe do Plan de Transporte Metropolitano, que financiará, neste caso, o Concello de Mugardos, cunha achega de 10.000 euros ao ano.
As contías destas subvencións repártense da seguinte maneira: para as persoas en dificultades bonificaráselles o 100 % das viaxes, cun máximo de 10 ao mes, mentres que os estudantes, con rendas familiares inferiores ao 80 % do IPREM de renda per cápita mensual, verán reducido o prezo do billete nun 25 %, cun máximo de 41 viaxes mensuais.
Para beneficiarse das bonificacións os veciños poden facer a xestión dende hoxe e durante todo o mes de novembro, recibindo a bonificación como recarga da tarxeta. Ás persoas en dificultades bonificaráselles o 100 % das viaxes aforrando 1,30 euros cada vez que vaian a Ferrol, mentres que os estudantes pasarán de pagar 1,30 euros a 0,975 euros por cada viaxe. Estes descontos son acumulables aos resto de bonificacións de recorrencia e sociais, como a bonificación a estudantes da Universidade da Coruña no campus de Ferrol ou a de familia numerosa
Esta aplicación social permite ao promotor das axudas unha gran flexibilidade para determinar o eido xeográfico, subxectivo, económico e temporal de aplicación das subvencións.
As persoas usuarias dadas de alta para un colectivo determinado nun municipio da Área de Transporte Metropolitano, percibirán a bonificación que lles corresponda a finais do mes seguinte a aquel no que se xere o dereito a desconto.
O plan de transporte metropolitano, dende a súa posta en marcha en 2011 ten bonificado xa case de 52 millóns de viaxes, dos cales case 11,5 millóns na área de Ferrol e 400.000 no concello de Mugardos.
Unhas 6.600 viaxes mensuais realizadas dende o Concello de Mugardos benefícianse dos descontos do plan de transporte metropolitano, que supón aforros medios de 600 euros ao ano.