A Xunta finaliza o proceso de revisión dos parques de cultivo de Carril
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se declara a firmeza administrativa do Documento de revisión dos parques de cultivo de molusco de Carril, en Vilagarcía de Arousa. Este trámite supón o remate do procedemento de revisión destas parcelas e o inicio do proceso para outorgar os títulos definitivos aos titulares das concesións provisionais.
O documento de revisión estará exposto ao público durante 20 días hábiles dende mañá, nas dependencias da Secretaría Xeral do Mar en Santiago de Compostela, na Xefatura de Coordinación da Área do Mar en Vigo, na Xefatura Comarcal do Carril e na Confraría de Pescadores do Carril, en Vilagarcía de Arousa. Tamén será publicado durante o mesmo prazo na páxina web http://www.xunta.es/medio-rural-e-do-mar.
Este trámite realízase trala publicación no mes de xullo no DOG do decreto polo que se dá por finalizada a revisión dos parques de cultivo de moluscos de Carril e que derroga ao decreto de 1991 e tras resolver os recursos presentados contra o documento de revisión. A través do decreto publicado en xullo regúlase a situación das 1.280 parcelas que hai deste tipo en Carril coa concesión dos 1.168 títulos definitivos aos titulares de concesións provisionais. As parcelas restantes son declaradas vacantes por diferentes casuísticas (parques de titular descoñecido, parques de baixa a petición do seu titular, etc).
Con este procedemento preténdese acadar o óptimo aproveitamento do potencial produtivo dos parques e asegurar o futuro e a viabilidade da súa actividade ao tempo que se dispoñerá de seguridade administrativa para as concesións.











