A Xunta destinará en 2016 máis recursos ás entidades que apoian a persoas con dano cerebral e as súas familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Consellería de Política Social, que dirixe José Manuel Rey Varela, aumentará en 2016 o apoio da Xunta de Galicia ao mantemento e desenvolvemento de programas de atención ambulatoria de persoas afectadas por dano cerebral adquirido. Así, e a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, o vindeiro ano se reforzará o convenio de colaboración coa Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), subindo a súa contía un 26% con respecto ao acordo vixente até chegar aos 211.511 euros.

Precisamente, e coincidindo coa próxima conmemoración o luns 26 de outubro do Día do Dano Cerebral, a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, visitou hoxe en Vigo o Centro de día “Alento” da Asociación de Dano Cerebral da cidade olívica e a residencia para persoas con parálise cerebral da Asociación de Familias de persoas con Parálise Cerebral (APAMP). A responsable autonómica salientou o interese do Goberno galego en continuar apoiando a este colectivo, e salientou o esforzo diario que fan as entidades que traballan neste ámbito. Neste sentido, asegurou a colaboración permanente e o diálogo aberto da administración autonómica coas asociacións deste sector.

Galicia conta na actualidade cun total de 143 prazas para este colectivo —entre atención diúrna e residencial— nunha rede de centros de atención distribuídos nas catro provincias. Ademais, a Comunidade Autónoma é pioneira en dotarse dunha carteira específica de Servizos Sociais para a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. Este modelo permite unha maior especialización, definindo programas e servizos atendendo aos colectivos aos que se dirixen, como por exemplo: alzhéimer, discapacidade física ou intelectual, dano cerebral ou parálise cerebral.

23 de outubro de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.