publicidade hoxe

A Xunta destina máis de 5 millóns de euros para a construción do instituto de Arcade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O maior proxecto da Xunta de Galicia no Concello de Soutomaior, o Instituto de Arcade, segue a súa marcha. Así o confirmou o goberno autonómico coa inclusión dunha partida de máis de 5 millóns de euros nos seus orzamentos xerais. En total contémplase un investimento de 5.008.662 euros, á que haberá que sumar os investimentos realizados por outros organismos, como o propio Concello, para afrontar a urbanización da contorna no que se situará o novo instituto público.

O calendario plurianual fixado para a construción de centro escolar establece unha división do financiamento en tres partidas. A primeira delas, de 1,541.670 euros, chegará en 2016 para afrontar o inicio das obras e as primeiras licitacións. O groso do financiamento chegará en 2017, ano no que segundo o calendario previsto se construirá a maior parte do instituto, e achegará 2,5 millóns de euros. Por último, para o ano 2018, o calendario establece un investimento de 966.992 euros para finalizar a obra, alcanzando así a suma total de 5.008.662 euros.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, mostrouse moi satisfeito pola inclusión dos fondos necesarios para a construción do instituto nos orzamentos da Xunta de Galicia. “Con isto demóstrase o que viñemos dicindo desde hai tempo. Que o instituto chegará e que contamos co apoio da Xunta para facelo posible tal e como pedimos, con secundaria e bacharelato”, afirmou o rexedor local, que valorou esta “gran aposta” do goberno galego nos orzamentos autonómicos como “unha demostración do compromiso adquirido co Concello de Soutomaior”.

22 de outubro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.