publicidade hoxe

A Xunta destina máis de 36.000 euros á ampliación, adecuación e mellora da rede de parques infantís en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Carral, onde veñen de rematar diversas actuacións destinadas a ampliar, adecuar e mellorar a rede de parques infantís nas parroquias do municipio, que foron subvencionadas pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza cunha achega de 36.194 euros, o que supón o 80% do investimento total. Trátase dunha orde de axudas destinada á mellora de infraestruturas de uso público nos concellos.

Por unha banda, o proxecto incluíu a creación de dúas áreas infantís nos lugares da Cabra e O Canedo, nas parroquias de Sumio e A Beira, respectivamente, e a remodelación doutra xa existente nas Travesas, tamén na parroquia da Beira. En todos os casos, pavimentouse a parcela destinada á zona de xogos e proceuse ao seu valado. Do mesmo xeito, instaláronse novos xogos infantís para o aproveitamento dos máis pequenos.

A delegada territorial aproveitou a súa estancia no municipio, onde estivo acompañada pola concelleira Florinda Duarte, para analizar os proxectos que desenvolve o Executivo autonómico na localidade e as necesidades actuais. Nesa reunión, o goberno municipal trasladoulle as demandas locais, ante as que Do Campo expresou o seu compromiso de estudalas e de traballar intensamente para atendelas no menor prazo de tempo posible.

A máxima representante do Goberno galego na provincia destacou o apoio do Executivo autonómico aos concellos e, no caso de Carral, agradeceu a colaboración do alcalde, José Luís Fernández Mouriño, que permitiu levar a cabo diversas actuacións para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. A delegada territorial reiterou a súa disposición a manter “todo o diálogo e cooperación” co goberno local para seguir incrementando o benestar dos cidadáns.

9 de outubro de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.