A Xunta destaca a cooperación para achegar servizos máis eficientes ás empresas

Aguilera na sinatura do convenio. Foto: A. Varela
O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe na sinatura do protocolo de colaboración entre a Confederación de Empresarios da Coruña e a Cámara de Comercio de Santiago a cooperación entre entidades e institucións como unha das claves para achegar servizos máis eficientes ás empresas. Destacou igualmente a cooperación entre as empresas, impulsando proxectos en grupo, para mellorar a competitividade e avanzar con maior seguridade, sobre todo en ámbitos como a internacionalización.
Aguilera Navarro subliñou os amplos espazos de colaboración establecidos polo Igape coas confederacións de empresarios e as cámaras de comercio, tanto para achegar ao tecido empresarial información sobre os servizos e liñas de axuda ao financiamento de proxectos, como no eido da internacionalización; e salientou igualmente a colaboración habitual con estes organismos para facilitar a presenza das empresas en feiras internacionais, na procura de incrementar as exportacións.
Salientou que a mellora da competitividade do tecido produtivo que a Xunta promove mediante o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Industrial Galicia-Industria 4.0, require mellora continua tanto nos procedementos como nas estratexias de traballo da administración e das entidades e organismos intermedios de carácter empresarial.
O director do Igape destacou como fundamental a avaliación permanente das canles de cooperación para mellorar o servizo aos empresarios, e, neste sentido, valorou positivamente o protocolo de colaboración asinado hoxe pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) e a Cámara de Comercio de Santiago, que ten como o obxectivo reforzar a xeración de sinerxías entre ambas entidades, evitar duplicidade de esforzos e procurar maior eficacia na prestación dos seus servizos ao tecido empresarial que representan.
O protocolo de colaboración asinado hoxe promove procedementos bidireccionais de información entre a CEC e a Cámara para procurar, dentro dun permanente espírito de colaboración, a especialización e a prestación de servizos a través da entidade con maior experiencia e saber facer en cada ámbito de actuación, sempre ao servizo dos emprendedores e das empresas.











