A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña denuncia confusión na aplicación do protocolo do ébola
A presidenta da Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña, María Seijo, denunciou “confusión” e “desconcerto” na aplicación do protocolo do ébola, tras a chegada ao servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) dun home guineano cun posible contaxio do virus.
En declaracións, María Seijo asegurou que están á espera de que se aborde o caso no comité de seguridade e hixiene, convocado para este mércores, aínda que admitiu que, polas informacións que lles chegaron, houbo bastante confusión”.
“Inicialmente a enfermeira de triaxe inicia o protocolo”, explicou tras a chegada deste paciente con síntomas de febre durante varios días. No entanto, a presidenta da Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña recalcou que “nalgún momento, parece que se deixou de aplicar ou que non se aplicou correctamente”, apostilou.
Así, sinalou que o que lles transmitiron os profesionais que traballan no servizo de Urxencias é que houbo desconcerto e confusión”, recalcou sobre as primeiras horas, tras o ingreso do paciente na tarde do martes.
Sobre o protocolo, dixo que, nel, inclúese “un procedemento rigoroso” e apuntou, á espera de ter toda a información, que “non parece” que se seguisen todos os procedementos en canto ao uso de traxes ou os circuítos establecidos para cuestións como o cambio de roupa.
PERSOAL QUE O ATENDEU, NAS SÚAS CASAS
María Seijo recalcou que, nestes momentos, non poden ratificar se o protocolo se aplicou “ben ou mal”, pero si insistiu en que houbo desconcerto” e que o mesmo “continúa”.
Por outra banda, indicou que persoal que atendeu ao paciente “recibiu unha chamada de Mediciña Preventiva para que non acudisen ao seu posto de traballo e quedasen en casa”. “Pero non sei se lles deron máis información”, engadiu sobre as pautas a seguir nos seus domicilios.
Mentres, a presidenta da xunta de persoal da área sanitaria da Coruña volveu a denunciar que, a casos deste tipo, súmanse outros problemas no servizo de urxencias. “Esta noite houbo 30 persoas maiores en padiolas”, sinalou sobre esta pasada madrugada.











