A Xunta de Goberno Local de Ames aproba a división dunha parcela do sector S-16

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a primeira prórroga do contrato do servizo de limpeza dos centros de ensino públicos municipais, que inclúen os centros de educación infantil e primaria, as escolas unitarias, e as escolas infantís de Ames. Esta prórroga autorízase por un prazo dun ano, en base á cláusula segunda do contrato formalizado o pasado 15 de outubro de 2013, coa empresa Limpezas Salgado S.L. Ademais, realizáronse varias modificacións nestes contratos para reforzar o servizo de limpeza no CEIP Agro do Muíño e amplialo no CEP de Ventín. Por último, aprobouse a división dunha parcela de 8.089,74 metros cadrados, que está situada no sector S-16 “Travesía do Porto Sur”, en dúas novas parcelas. 

O goberno municipal acaba de prorrogar coa empresa Limpezas Salgado SL o contrato que tiña para prestar os seus servizos nos centros de educación infantil e primaria (CEIP de Barouta, CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro), nas escolas unitarias de Covas e A Tarroeira (Ortoño), e nas escolas infantís de Ames (O Bosque, A Madalena e a Galiña Azul do Milladoiro). Esta prórroga execútase en base á cláusula segunda do contrato formalizado o pasado 15 de outubro de 2013.

Ademais, realizáronse varias modificacións nestes contratos para reforzar con dúas horas máis de traballo á semana o servizo de limpeza no CEIP Agro do Muíño. Tamén se aprobou a ampliación deste servizo no CEP de Ventín, tralas obras de reforma e ampliación que se fixeron neste centro. Cómpre lembrar que os traballos de ampliación supuxeron actuar na práctica totalidade do edificio, ampliando con zonas de nova construción a ala sur tanto en superficie como dotándoa dunha altura máis. A nova superficie resultante aloxa 7 aulas de educación primaria, un aula de usos múltiples e 2 aulas de apoio, ademais de zonas de servizos comúns e instalacións.

O concelleiro de Educación, David Santomil, destaca que “a través das modificacións feitas nos contratos increméntase o número de horas de traballo no CEIP Agro do Muíño e a superficie que hai que limpar no CEP de Ventín. Estas modificación no estaban recollidas no contrato polo que houbo que incluílas. Ademais, intensifícase a revisión do servizo de limpeza naqueles lugares e centros con maior necesidade”.

División dunha parcela do sector S-16

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a división dunha parcela de 8.089,74 metros cadrados, que está situada no sector S-16 “Travesía do Porto Sur”, en dúas novas parcelas. Deste xeito, a parcela segregada dispón de 503,23 metros cadrados, mentres que o resto de finca matriz ten unha superficie de 7.586,51 metros cadrados.

Esta división é necesaria para poder dedicar a parcela, que actualmente está cedida á Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia para a construción do parque comarcal de bombeiros no Milladoiro, para que tamén poida albergar o novo centro de saúde do Milladoiro. A idea do goberno municipal é anexar dúas fincas á parcela que actualmente está cedida á Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta, para despois segregala e poder construír neste lugar tanto o parque comarcal de bombeiros como o novo centro de saúde do Milladoiro.

20 de outubro de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.