A Xunta convoca ao Concello da Coruña a unha xuntanza para impulsar a estación intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de convocar ao Concello de Santiago a unha xuntanza destinada a impulsar de forma coordinada a estación intermodal da cidade. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, remtiulle hoxe unha carta ao concelleiro de Mobilidade Sostible da Coruña, Daniel Díaz, emprazándolle a manter unha reunión o vindeiro martes 10 de novembro.

Na misiva, o Goberno galego lembra a súa forte aposta pola intermodalidade e a adecuada conexión e coordinación entre os transportes aéreo, ferroviario e por estrada, como “elementos clave na competitividade territorial de cara ao desenvolvemento económico, á promoción turística e á mellora da calidade de vida dos veciños”.

Por iso, segundo a directora xeral de Mobilidade, cómpre seguir dando pasos firmes tendo en conta que, entre outras cuestións, a culminación da conexión de Galicia con Madrid por Alta Velocidade Ferroviaria, programada para o ano 2018, constitúe un fito esencial.

Nese sentido, expón que a Administración autonómica está a avanzar, tanto na mellora e modernización do transporte público de viaxeiros por estrada, como nas terminais de autobuses integradas nas estacións intermodais. “A garantía de fondos FEDER do período operativo 14-20 é unha boa proba diso, xa que é froito do traballo de moitas persoas durante moito tempo”, salienta a directora xeral.

Así mesmo, lembra que neste momento os estudos previos relativos á terminal de autobuses da estación intermodal están xa avanzados e a Xunta quere seguir progresando nesa tarefa. Por iso, considérase imprescindible que o Concello da Coruña avance no ámbito das súas competencias tales como a construción dos accesos ou a revisión e modificación, se procede, do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O Executivo autonómico considera necesario fixar esa reunión para continuar afondando nas necesidades así como coordinar os avances de cada administración no ámbito das competencias comúns.

30 de outubro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.