A Xunta concretará nun convenio as bases da colaboración empresarial con Cuba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, acordou concretar as futuras liñas de cooperación e alianza empresarial bilateral con Cuba nun convenio de colaboración que enmarcará os principais sectores estratéxicos galegos, logo dos encontros de traballo que mantivo con representantes dos Ministerios de Agricultura e de Industria, así como de Procuba, cos que pechou a súa viaxe á illa.

Nos encontros con representantes do Ministerio de Industria avaliáronse as posibilidades de constitución de sociedades mixtas, nas que Cuba xa non se reserva a maioría do capital, e os proxectos prioritarios que prevé impulsar o Goberno durante os próximos anos, entre os que cabe salientar os relacionados coa pasta de papel, o téxtil ou a xestión de residuos sólidos urbanos.

Acompañado polo director de Internacionalización do Instituto, Aguilera mantivo tamén un encontros co director para Europa do Ministerio do Comercio Exterior, Pedro Luis Padrón, no que se avaliaron posibles alianzas e vías de cooperación bilateral en ámbitos como o sector alimentario, a biomasa, a enerxía, a biotecnoloxía ou o turismo. O director do Igape reuniuse igualmente con directivos da Cámara de Comercio da Habana, co agregado comercial da Embaixada española, Guillermo Kessler, e con representantes da Asociación de Empresarios Españois en Cuba, que preside o galego Xulio Fontecha.

As vendas das empresas galegas a Cuba superaron en case un 19%, durante os oito primeiros meses deste ano, os rexistros acadados en todo o ano 2014. O obxectivo da misión empresarial a Cuba, na que ademais participaron 22 empresarios, ao abeiro dunha iniciativa coordinada pola Cámara de Comercio de Santiago e apoiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, é precisamente incrementar as exportacións galegas, ao abeiro da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020.

23 de outubro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.