publicidade hoxe

A Xunta comeza o especado do primeiro treito da PO-308 Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+
Cores Tourís en Poio

Cores Tourís en Poio

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá ao comezo do especado do primeiro treito da PO-308 ao seu paso por Poio, que permitirá marcas os terreos necesarios para a execución das futuras sendas na parroquia de Raxó.

No acto estivo acompañado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, o portavoz do PP, Ángel Moldes, así como o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Deste xeito, dase cumprimento ao compromiso adquirido nas reunións mantidas polos representantes autonómicos e municipais nos pasados meses de xaneiro, amrzo e setembro, de cara á posta en marcha de medidas que garantan a seguridade viaria nestes tramos da PO-308.

A colocación de estacas neste tramo, permitirá elixir o máis adecuado para iniciar os traballos de mellora, xa que marcará os terreos a expropiar polo concello, xa que este comprometeuse a poñer a disposición da Xunta de Galicia as parcelas necesaria para a execución das melloras e a construción de sendas.

Cores Tourís recordou que xa se levaron a cabo diversas obras de mellora da seguridade viaria nesta estrada, como a instalación de sinalización vertical e horizontal, de bandas sonoras e de asfaltado antideslizante.

“Hoxe iniciamos este estaqueado e, paralelamente, unha vez que o concello nos informe da posibilidade de expropiación dos terreos, iremos executando o proxecto para poder adxudicar a obra o próximo ano”, explicou Cores Tourís, quen matizou que o orzamento coñecerase unha vez que se remate o proxecto definitivo.

As obras suporán uns 200 metros de expropiación de parcelas municipais, a execución de dous muros de contención e a creación dunha pasarela elevada na curva da baixada á praia de Fonte Maior, “que permitirá manter o lavadoiro”, explicou o delegado territorial.

Pola súa banda, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, agradeceu a colaboración da Xunta na posta en marcha destas obras e reafirmou o compromiso do concello coa expropiación dos terreos necesarios, “para mellorar a seguridade viaria neste tramo”.

O Goberno galego desenvolve así o plan de traballo acordado o pasado 17 de xaneiro coa corporación municipal, e ratifica o compromiso adquirido coa mellora da estrada PO-308. Nos últimos anos a Xunta actuou nesta estrada, incluso de urxencia cando foi necesario, con máis de 1,5 millóns de euros investidos en obras como a mellora de seguridade viaria rematada en 2009 entre o p.q. 4+200 e 7+600, cun investimento de 1,4 millóns de euros (mellora de insterseccións na zona de Combarro); ou a renovación da capa de rodadura na denominada “curva dos cotos” entre os p.q. 13+040 e 13+840, cunha achega de 260.000 euros.

23 de outubro de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.