A Xunta autoriza o traspaso dun resto da estrada AC-116 ao Concello de Valdoviño
O Consello da Xunta aprobou hoxe o cambio de titularidade dun resto da estrada AC-116 Catabois-Valdoviño (AC-566) e de elementos auxiliares da estrada AC-566 Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862). Trátanse dunhas vías autonómicas que atravesan este concello coruñés.
Concretamente, o treito da AC-166 é un resto situado na marxe dereita, arredor do punto quilométrico 12+330, sito na glorieta dos Robles; e en referencia á AC-566, son elementos auxiliares da estrada, situados entre os p.q. 10+750 e 12+020, relativos a zonas de estacionamento, paradas de bus, beiravías e beirarrúas, así como a franxa de terreo que hai entre o bordo exterior das beirarrúas e a liña de expropiación, é dicir, no límite do dominio público.
Con este procedemento, o Concello de Valdoviño poderá actuar sobre estas vías que pasan a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas, e xa non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos, e reducirá as cargas administrativas sobre os cidadáns dos núcleos por que discorre.
O cambio tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.