A Xunta achega aos emprendedores vigueses os servizos e axudas para crear novas empresas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará aos emprendedores vigueses os servizos e as axudas para a creación e consolidación de novas empresas, así como casos de éxito, no marco da xornada Galicia Emprende que se desenvolverá mañá venres, día 16, a partir das 10 horas na sede de Afundación Vigo (Policarpo Sanz, 24).
O obxectivo da xornada Galicia Emprende, organizada conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escuela de Organización Industrial (EOI), é precisamente promover a creación de novas empresas e achegar aos emprendedores vigueses os servizos e as axudas existentes para apoiar a posta en marcha ou a consolidación das mesmas.
Os emprendedores participantes neste encontro arredor do emprendemento terán a oportunidade de recibir asesoramento de expertos sobre aspectos relevantes na xestión empresarial como o márketing, o financiamento, a estratexia ou a internacionacionalización. Os asistentes tamén poderán gravar en vídeo sínteses dos seus proxectos que se difundirán a través das redes sociais e que lles poderán servir para darse a coñecer ou para acadar financiamento adicional.
Na xornada Galicia Emprende, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), haberá ademais un coloquio que contará coa presenza de representantes de experiencias emprendedoras de éxito como Optima Cleaning&healthcare, Minevera e Ibérica de Esponjas Vegetales.
A xornada Galicia Emprende en Vigo forma parte dun ciclo de encontros arredor do emprendemento que se celebraron xa en Ourense, Lugo e A Coruña. O ciclo de encontros rematará co Día do Emprendedor que se desenvolverá en Santiago de Compostela o próximo 30 de outubro.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Unidade Galicia Emprende, pon a disposición dos emprendedores que buscan crear un novo proxecto, e dos novos empresarios que buscan consolidar as súas empresas, un completo abano de servizos e apoios, xunto con instrumentos como a Rede Galega de Mentores, con empresarios expertos dispostos a compartir, de xeito altruísta, a súa experiencia en xestión con novos emprendedores.
Mantéñense igualmente activados variados instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador, como préstamos bonificados, fondos de capital risco; a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados; ou a liña de préstamos directos Jeremie.











