A Xunta aborda en Cuba posibles alianzas de negocio en sectores como o alimentario, o enerxético ou o turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro de traballo co director para Europa do Ministerio do Comercio Exterior de Cuba, Pedro Luis Padrón, no que se avaliaron posibles alianzas e vías de cooperación bilateral en ámbitos como o sector alimentario, a biomasa, a enerxía, a biotecnoloxía ou o turismo, entre outros.

Acompañados polo director de Internacionalización do Instituto, Abel Veiga, Aguilera Navarro e o director para Europa do Mincex afondaron nas posibilidades que ofrece o cooperativismo empresarial e o desenvolvemento dos clústers. Neste sentido, Padrón amosou especial interese polas oportunidades que abren estes eidos, así como pola posible colaboración noutras materias como a rehabilitación de inmobles e o tratamento de augas ou residuos.

Por outra banda, o director do Igape mantivo tamén un encontro coa directora de relacións institucionais da Cámara de Comercio da Habana, Celia Labora, no que se afondou en aspectos relacionados coa constitución de sociedades mixtas, nas que o goberno cubano xa non se reserva a maioría do capital social.

O director do Igape, acompañado por máis de vinte empresarios desprazados no marco dunha misión Foexga organizada pola Cámara de Santiago, mantivo outro encontro de traballo co conselleiro económico español Guillermo Kessler, no que afondaron nas posibilidades de negocio empresarial en Cuba.

Neste sentido, o ano pasado exportaron a Cuba 128 compañías galegas. Unha cifra que se está vendo mellorada no presente exercicio, no que as exportacións das empresas galegas á illa superan xa en máis dun 11% os rexistros acadados durante todo o 2014.

A misión empresarial encabezada polo director do Igape busca incrementar o volume das exportacións das empresas que venden nese mercado e abrir canles para que os intercambios comerciais e as alianzas medren, de acordo coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

22 de outubro de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.