A xerencia de Urbanismo acorda a demolición do acuario da Compostela e do palafito do Ramal en Vilagarcía
Entre os numerosos asuntos abordados hoxe polo Consello da Xerencia de Urbanismo adoptáronse acordos relativos a tres temas de especial interese para Vilagarcía. En primeiro lugar, o Consello aprobou solicitar a Costas a demolición do acuario da Praia Compostela e a retirada do plafito de madeira do Ramal, e tamén se probou conceder a licenza definitiva de actividade ao crematorio de Rubiáns así como a licenza para a demolición de reconstrución do almacén de grao do muelle do ramal que se foi abaixo en verán.
A resolución sobre a demolición do Acuario e a retirada do palafito adoptouse a instancias de Costas do Estado. O goberno socialista, en pro do maior consenso decidiu levar o tema á Xerencia de Urbanismo dado que no Consello están representados todos os grupos da Corporación. Cómpre lembrar que a demolición do “piorno” da praia vén dada por mandato legal, posto que a concesión outorgada por Costas para emprazar o edificio en dominio marítimo terrestre caducou no ano 2010.
A resolución do acordo adoptado hoxe será remitida a Costas do Estado a modo de visto bo para a demolición que será realizada pola empresa pública Tragsa e que financia o propio entre estatal. O goberno está coordinando cos diferentes servizos a retirada do mobiliario e equipamentos aproveitables do CIRA e o traslado a outras dependencias municipais para determinar con Costas a data de inicio dos traballos que teñen un prazo de execución de un mes e que estarán executados antes de que remate o ano.
A demolición do Acuario suporá a desaparición dun edificio que, dende que se rexeneraron as praias e se construíu o paseo marítimo da década dos 90, supoñía un obstáculo tanto para a paisaxe como para os usuarios dos areais.
Ademais, permitirá ao Concello replantearse o proxecto museístico do CIRA a efectos de actualizar e ampliar os seus contidos e de darlle a Cortegada o papel preferente e destacado que se merece neste marco, como parte de un dos 15 Parques Nacionais existentes en toda España. En función deste novo e máis ambicioso proxecto, o Concello determinará o futuro emprazamento do CIRA.
En canto á desmontaxe do palafito, esta ven dada polo mal estado no que se atopa a estrutura de madeira, que representa un perigo para as persoas e da mala imaxe a ese tramo final da praia da Concha. Ademais, tal e como indicaron os técnicos de Costas durante a visita de fai unhas semanas a Vilagarcía, a reparación do mesmo tampouco procedía dado o seu precario estado e a madeira non é un material apropiado para un miradoiro situado sobre o mar e nun clima tan chuvioso como o galego, xa que a salitre a choiva e a humidade degrádano moi rápido.
O Consello de Xerencia tamén acordou conceder licenza definitiva de actividade ao Crematorio de Rubiáns. Con este trámite, a empresa cerra o procedemento na administración local polo que, de contar coas preceptivas autorizacións das restantes administracións, xa podería a operar.
Tal como lle avanzara o alcalde, Alberto Varela á presidenta do Porto na visita realizada a semana pasada a Autoridade portuaria, a Xerencia de Urbanismo tamén dou o visto bo hoxe á licenza para a demolición do almacén de grao que se foi abaixo o verán pasado no muelle do Ramal e para a posterior reconstrución da nave.
Aínda que a curto prazo prevese que a actividade industrial e de almacenamento desapareza do ramal para que esta zona volva a ser de dominio público, a reconstrución da nave é imprescindible para que a actual concesionaria poida seguir operando nela ata que chegue o momento do traslado.











