A vicepresidenta da Deputación aposta por un turismo “diferenciado, sustentábel e de calidade”
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, participou na inauguración do Congreso Internacional de Calidade Turística e defendeu un turismo que responda a criterios de “calidade, sustentabilidade e responsabilidade social”.
Na súa intervención na apertura do III Congreso Internacional de Calidade Turística que se desenvolve no Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña, Goretti Sanmartín sinalou que a “riqueza paisaxística, a longa historia, o tesouro patrimonial e artístico e a nosa propia cultura” son parte das nosas potencialidades para “atraer cara nós un turismo de calidade, fortalezas que teñen que vir amparadas por un sector que responda tamén a criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social”. No acto tamén participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o tenente alcalde da Coruña, Alberto Lema, o presidente de Segittur, Antonio López de Ávila e o presidente do ICTE, organizador do congreso, Miguel Mirones.
Defendeu a vicepresidenta da Deputación que “como servizo de proximidade, de encontro directo coas persoas, a calidade é elemento fundamentla, tanto apra a estabilidade do propio sector como para ampliar a súa dimensión, para atraer máis persoas que chegan pola chamada de quen antes estivo, polo boca a boca que se fai máis intenso a través das redes sociais e as posibilidades da rede”.
No congreso no que participan catrocentos profesionais do sector Goretti Sanmartín apostou por un turismo diferenciado, “por unha oferta diversificada de calidade fronte á masificación” que teña nunha paisaxe única e nun patrimonio singular as principais bazas. Botou man das palabras do escritor Manuel María, incansábel viaxeiro, para dicir que por moi longa que fose unha vida non chegaría a nada “para enxergar a inmensidade da paisaxe e a paisanaxe” de Galiza.
Políticas activas e transversais
“Somos conscientes da nosa potencialidade mais tamén de que a calidade, no noso caso, depende dun sector á altura e de políticas activas e transversais para a conservación e posta en valor dese potencial, de maneira especial, do medio e o patrimonio”, manifestou na súa intervención arredor do papel das administracións á hora de protexer un medio e un patrimonio que poden ser trabe fundamental para o sector.
Convidou ás persoas participantes no congreso a se achegaren a coñecer a beleza da Costa da Morte, a se marabillaren coa forza telúrica do Monte Pindo coa natureza das Fragas do Eume, a achegarse a pezas únicas do patrimonio universal como o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo ou o Pazo de Mariñán e tamén a Santiago de Compostela, “sen dúbida, unha carta de presentación do país no mundo. E fálolles dun Santiago que non é só a catedral, pois ofrécenos petróglifos únicos ou o castelo da Rocha, os restos dunha maxestuosa fortaleza medieval”, sinalou ao tempo que defendeu como a necesidade de potenciar a promoción do que temos á nosa beira, “o orgullo do propio”, dixo. Finalmente, Goretti Sanmartín instou aos congresistas a se converteren en “embaixadores e embaixadoras desta terra que ten no sector unha das súas potencialidades de cara ao futuro”.











