A selección galega participará no Open de Taekwondo de Torrevieja

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A selección galega cadete, júnior e sénior participará esta fin de semana no Open Profesional de Taekwondo de Torrevieja, que forma parte dun circuíto formado por tres probas, que finalizará en Galicia. A selección galega, que está formada por case 50 deportistas, partirá esta noite por estrada e regresará ao remate do campionato. Galicia, trala primeira xornada, lidera a Liga nas categorías cadete, júnior e sénior.

Este circuíto profesional celebra a súa primeira edición no presente ano e ten como obxectivo facer un gran espectáculo, iso si baixo as normas actuais da Federación Mundial de Taekwondo, con petos electrónicos, vídeo-replay e árbitros nacionais e internacionais. Esta segunda xornada da Liga terá lugar no Palacio dos Deportes Infanta Cristina de Torrevieja. As preliminares celebraranse de 08:00 a 17:00 horas, mentres que as semifinais e finais comezarán ás 18:00 horas.

O circuíto, organizado pola UPT (Universal Professional Taekwondo) e as federacións autonómicas de Castela e León, Valencia e Galicia, estará formado por tres probas: Zamora (xuño); Torrevieja (outubro) e Galicia, onde terá lugar a gran final (novembro).

Galicia lidera. Galicia logrou un triunfo incontestable no Open Profesional de Taekwondo de Zamora, que se celebrou o sábado 14 de xuño. Os equipos cadete, júnior e sénior acadaron a primeira posición na clasificación xeral por equipos. En total, 37 medallas para as e os deportistas da nosa Federación.

8 de outubro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.