A reparación da fonte do parque Miguel Hernández rematarase en dúas semanas
En cuestión de dúas semanas, os surtidores da Fonte ovalada do Parque Miguel Hernández volverán a botar auga. O Concello inicio esta semana os traballos de reparación da fonte que levaba máis de ano e medio sen funcionar debido á rotura das bombas. Dentro dos traballos de recuperación de elementos ornamentais en parques e xardíns que está realizando a Concellería que dirixe Lino Mouriño, tamén se acondicionará estes días o chafariz do busto de Rosalía de Castro, en Carril.
O Concello tivo que adquirir unha bomba nova para a fonte, xa que a anterior estragárase pola entrada de auga no habitáculo. Para previr este tipo de avarías, a maiores decidiuse adquirir unha bomba de achique que expulse a auga da chuvia á rede de pluviais. Os equipamentos xa foron servidos pola empresa subministradora, polo que esta semana operarios municipais iniciaron os preparativos para a colocacións das bombas. Estes consisten na adaptación do habitáculo da bomba principal para dar cabida á de achique. Tamén se selará se está a instalar a canalización eléctrica. Unha vez instaladas as dúas bombas, procederase a repasar o vaso e exterior da fonte, para reparara posibles desperfectos, e farase unha limpeza a fondo da mesma antes de volver a poñela en funcionamento.
Dentro dos traballos de acondicionamento e reparación dos elementos ornamentais de parques, xardíns e espazos públicos que está a levar a cabo a Concellería que dirixe Lino Mouriño, tamén está previsto nos próximos días actuar no chafariz do busto de Rosalía de Castro, en Carril. Esta fonte tamén leva moito tempo en mal estado polo que agora selaranse as fendas que presenta polas que filtraba a auga, daráselle unha limpeza a fondo, e porase a funcionar de novo.











