A psicoloxía hispano lusa reivindica a capacidade para atallar problemáticas sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Esta mañá deu comezo a primeira xornada do II Encontro Hispano Luso, no que máis de 300 profesionais do sector se deron cita para reflexionar sobre o seu rol para afrontar os problemas actuais da sociedade. Nesta primeira sesión fíxose evidente o incremento dos trastornos e patoloxías mentais, tales como a depresión ou a ansiedade, e destacouse a necesidade de definir políticas públicas estratéxicas que dean resposta a unha problemática crecente.

A depresión foi un dos temas tratados nesta primeira xornada, e definiuse como un dos retos maiores que ten por diante a sociedade na actualidade, que afecta a máis dun 5% da poboación, aínda que esta cifra real é moi superior, dado que en moitos casos non está diagnosticada. De feito, estímase que só unha de cada cinco persoas están adecuadamente tratadas, e sinalaron que a combinación de tratamentos psicoterapéuticos con farmacoloxía ten ofrecido moi bos resultados. A desprexuización da psicoloxía foi un dos puntos sinalados como importantes para evitar o importante número de persoas que padecen trastornos como a depresión ou a ansiedade e que non están a ser adecuadamente tratadas.

O 47,5% das persoas que acudiron a atención primaria no conxunto do Estado español en 2010 segundo un estudo epidemiolóxico presentaban trastorno depresivo maior, que é case a metade das consultas que atenden. Isto implica que os servizos de atención primaria son o principal punto de referencia para psicopatoloxías e trastornos mentais, onde non existen unidades de psicoloxía clínica. Por iso, desde este Encontro manifestouse como imprescindible a integración da psicoloxía en atención primaria, xunto co reforzo das unidades de saúde mental dos centros hospitalarios.

A violencia de xénero foi outro dos aspectos centrais desta xornada, onde se concluíu que se trata dun problema a escala mundial que non distingue de capas sociais e que malia a esta dimensións non está a ser correctamente atallado. Neste sentido, denunciouse que non se están a destinar recursos para paliar a violencia machista a pesar da súa dimensión e das súas terribles consecuencias.

A psicoloxía demostrouse como unha das claves para afrontar a violencia contra as mulleres, de feito, 7 de cada 10 mulleres considera que a principal axuda que preferiría que lle desen sería a do apoio psicolóxico, de acordo coa Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2015, presentada polo Ministerio de Sanidade neste mes de marzo. As aplicacións da psicoloxía son moitas, tanto desde o punto de vista preventivo como do tratamento, pero as oportunidades son escasas, dado que as Administracións responsables non contan cos psicólogos nin coas psicólogas para  iso, malia a súa alta capacitación e especialización. Tamén se denunciou a disparidade de recursos entre territorios, xa que son moi diferentes os medios dispostos segundo a Comunidade Autónoma, o que conduce a unha clara inxustiza social.

O Encontro Hispano Luso

Mañá sábado 3 de outubro pecharase o II Encontro Hispano Luso “Achegas da psicoloxía á solución dos problemas actuais da sociedade”. O obxectivo este foro é trasladar as contribucións que desde a psicoloxía hispano lusa se veñen aplicando á solución de problemáticas dos nosos días que afectan seriamente ás persoas ao longo do seu ciclo vital, ben emerxan na infancia, na adolescencia, na idade adulta ou na vellez.

Tras unha primeira edición en 2014 celebrada en Coímbra (Portugal), este Encontro terá lugar no Auditorio Abanca, organizado polo Consejo General de la Psicología, que reúne a todos os colexios profesionais deste ámbito do conxunto do Estado; a Ordem de Psicólogos Portugueses, institución homóloga do país veciño; e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ao longo dos dous días abordáronse temas como a intervención psicolóxica coas persoas afectadas pola violencia de xénero, o mobbing ou o estrés no espazo de traballo, coas que sufriron accidentes ou perdas por diferentes razóns (tráfico, atentados, etc.) e coas que teñen que convivir coa discriminación, entre outras.

Mañá sábado abrirá a sesión cunha mesa redonda sobre as persoas maiores e o seu papel na sociedade, coordinada por Manuel Berdullas, do Consejo General de la Psicología, e Manuel E. Medina, secretario xeral da Academia de Psicoloxía de España. Esta mesa estará constituída por Constança Paúl e Pedro Nobre, profesores da Universidade de Porto, Carmen Triado, da Universidade de Barcelona. O último relatorio abordara á exclusión da psicoloxía do ámbito escolar, coordinado por Francisco Miranda, director executivo da Ordem, no que José Antonio León Gascón, catedrático da UAM, e Francisco Peixoto, profesor do Instituto Superior de Psicoloxía Aplicada de Lisboa, reflexionarán sobre a situación en cadanseu país.

Ademais, dentro do marco deste Encontro farase a entrega do I Premio Ibérico da Psicoloxía, dirixido a psicólogos ou psicólogas que realizasen contribucións importantes no desenvolvemento da disciplina en España e Portugal. Este galardón ten carácter bianual e entregarase por primeira vez no marco do Encontro Hispano Luso. 

2 de outubro de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.