A propietaria do edificio da Praza do Castro comunica ao Concello que asumirá as obras de consolidación
O ultimátum dado polo Concello de Vialagarcía á propietaria do edificio abandonado da Praza do Castro para solventar a precaria situación na que se atopa parece que comeza a surtir efecto, a xulgar pola resposta da empresa titular. Un representante da firma acudiu onte a Ravella para comunicar ao alcalde que a propietaria asumirá a execución das obras de consolidación.
O anuncio foi acollido con satisfacción por Alberto Varela que, non obstante, sinalou que o Concello fará seguimento para que o compromiso se cumpra coa maior brevidade. Neste sentido, a propiedade ten avanzada a tramitación, xa que ante a impasibilidade dos sucesivos titulares da finca durante anos, o Concello optou por redactar o proxecto de consolidación a través da Oficina Municipal de Rehabilitación. Para galar tempo, a administración local tamén se encargou de xestionar a pertinente autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia, xa que o edificio está catalogado e conta con protección.
A execución das obras de limpeza, apeo e consolidación que se recollen no proxecto están valoradas en 60.000 euros que, segundo comunicou o representante legal serán asumidos pola propiedade que tamén se encargará de contratar os traballos cunha empresa da zona para axilizar prazos.
Para evitar que o edificio protexido seguira arruinándose e os riscos para as persoas e os bens que esta situación supoñía, o goberno que preside Alberto Varela decidiu a finais de agosto dar á propietaria un último prazo de 2 meses para levar a cabo as obras requiridas. En caso de desobedecer, o Concello asumiría a súa realización pasando custes á empresas, para io cal se estudaban diferentes vías xurídicas que garantiran o cobro da actuación por parte da administración local.
Compre salientar que o edificio con fachadas á Praza Martín Gómez Abal e á Avenida da Mariña (fronte a Peixería) sufriu numerosos desprendementos da fachada, as paredes corren risco de caer e o tellado xa se desplomou. De feito, o Concello tivo que pechar a calexa lateral que une ambas rúas ante o risco de desprendementos. Ademais, o interior da edificación e un foco insalubre no que se acumula lixo e entullos.
O inmoble pasou nos últimos anos por mans de diferentes sociedades, pertencendo actualmente a unha firma industrial allea ao sector inmobiliario.











