A programación cultural e deportiva de outono recolle unhas 30 actividades para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Durante o último trimestre do ano, o Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades deseñado para ofertar unha gran variedade de alternativas de ocio para todo tipo de públicos. A programación cultural e deportiva outono 2015 contempla representacións teatrais e musicais, maxia e obradoiros. Ademais celébranse neste trimestre a XVI Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, o X Festival de Maxia, a tradicional Festa do Magosto e a X Mostra de teatro afeccionado. O Concurso radiofónico de Teatro Lido “Desata a lingua!”, o obradoiro de lingua e cultura galega, En galego co teu acento! e o curso de inglés nivel PET (B1) tamén forman parte da programación cultural e deportiva de outono en Ames.

Outubro comeza cunha intensa programación teatral en Ames. O pasado venres tivo lugar a primeira representación teatral da man da compañía Producións Teatrais Excéntricas, que puxo en escena a obra de teatro Da Vinci tiña razón da compañía. Tamén houbo un espectáculo de maxia infantil a cargo do mago Dani García.  Este fin de semana continúa a programación cultural. O venres, 9 de outubro, ás 18:30 horas, hai cine infantil coa proxección da película: A tropa de trapo na selva Arcoiris, un filme apto para todos os públicos e especialmente recomendado para os máis cativos.  

A programación teatral continúa o vindeiro venres, 16 de outubro, coa representación da obra Perplexo da compañía Ilmaquinario Teatro. Este espectáculo, que está dirixido ao público infantil e adulto, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá máis cine infantil o venres, 23 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro coa proxección do filme Maimiño. Para o venres 30 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, está programada a peza O Furancho, que chegará a Ames da man da compañía Ibuprofeno Teatro.

No eido deportivo está previsto que o domingo 18 se desenvolva a XVI Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 14 de outubro, ás 22:00 horas. Ademais, para este mes de outubro hai programadas dúas xornadas do obradoiro Convertendo mazás en sidra, que se levarán a cabo o venres 16 e o sábado 17 na Aula da Natureza, e outras dúas Xornadas ambientais polo río Sar, que se desenvolverán o sábado 24 na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o domingo 25, cunha ruta guiada polo río. 

A programación de outubro complétase coa segunda edición do curso de dinamización de eventos infantís, que está dirixido aos mozos/as que quedaron en lista de agarda no primeiro curso organizado. Esta iniciativa impartirase o sábado 24 de outubro no Centro de formación de Aldea Nova.

X Mostra de teatro afeccionado e Festa do magosto

O mes de novembro comezará con teatro afeccionado. A Escola municipal de teatro de Negreira representará na Casa da Cultura do Milladoiro a peza O mundo está tolo e ti ségueste duchando. A mostra continuará o venres 13, na Casa da Cultura de Bertamiráns, co espectáculo O Ollo que todo o ve. Esta obra será representada pola Escola municipal de Teatro do Concello de Santa Comba (The puntillas teatro). Para pechar esta mostra de teatro afeccionado, o venres 27, actuará o Grupo municipal de teatro de Ames, que porá en escena a peza A Voda.

O venres 13 de novembro tamén haberá teatro para bebés na Casa da Cultura do Milladoiro. A compañía Babaluva fará dous pases do espectáculo A alfombra máxica. A primeira sesión será ás 17:30 h e a segunda ás 18:30 horas. Esta actividade está dirixida para bebés de ata 3 anos. En cada sesión poderán participar 15 bebés e os acompañantes. O venres 13, ás 19:30 horas, tamén se impartirá no Pazo da Peregrina unha charla coloquio sobre os cogomelos que está dirixida a todos os públicos.

Ademais a programación do mes de novembro en Ames inclúe dous clásicos. Por unha banda, o sábado 14 de novembro celebrarase a tradicional Festa do Magosto (este ano celebrarase no Milladoiro), que inclúe as actuacións da Agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, da Requinta da Maia e un obradoiro de grafite de outono. Ademais, o sábado 21, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o Concerto de Corais no que actuarán a Coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido, a Agrupación artística Lucero del Alba, e a Coral polifónica de Piloño (Vila de Cruces).

Durante a última fin de semana de novembro haberá dous obradoiros medio ambientais. O sábado 28 e o domingo 29 desenvolveranse unhas xornadas de paisaxismo e xardinería na Aula da Natureza, que están dirixidas a todos os públicos. Ademais, o sábado 28 pola tarde, as instalacións da Aula da Natureza tamén acollerán o obradoiro Balcón de plantas aromáticas.

Para pechar o mes de novembro, o Concello de Ames organiza o sábado 28 e o domingo 29, o X Festival de Maxia que se desenvolverá tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, e que traerá unha chea de actividades ao concello que, sen dúbida, fará as delicias dos rapaces e rapazas de Ames.

Programa teatral para decembro

A programación do mes de decembro comeza coa terceira e última xornada do obradoiro Convertendo mazás en sidra, que se dedicará á proba da sidra e ao embotellado. Este obradoiro desenvolverase o sábado 5 nas instalacións da Aula da Natureza.

A semana de Nadal comezará cunha intensa programación teatral. O luns 21 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, a compañía Trompicallo representará o obra Rumpelstikin, o anano saltarín, que está dirixida ao público infantil. O día seguinte, o martes 22, continuará o teatro profesional na Casa da Cultura de Bertamiráns, da man da compañía Caramuxo Teatro, que porá en escena a obra FEO! Por último, o mércores 23, haberá teatro de monicreques na Casa da Cultura do Milladoiro, a cargo da compañía Eme2 emoción & arte, que representará a obra Jim e a illa do tesouro.

A última semana de decembro comeza co espectáculo de danza moderna e hip-hop A Orixe, da compañía As Dríadas, que se desenvolverá o luns 28 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Este espectáculo compleméntase cun obradoiro de danza moderna que se impartirá na Casa da Cultura de Bertamiráns e que está destinado aos mozos/as dos 9 anos en diante.

O martes 29 a compañía Seispés producións creativas representará na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo musical Pitusa Semifusa, que está dirixido ao público familiar e infantil. A programación cultural deste ano pecharase o mércores, 30 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns co espectáculo musical Cocido sinfónico a cargo da compañía Os tres tenedores.

7 de outubro de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.