A primeira andaina dos Roteiros de Lalín xa conta con 170 inscritos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Nicolás González na rolda de prensa

Nicolás González na rolda de prensa

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, ofreceu unha rolda de prensa acompañado de J. Luís Rodríguez Jácome, un dos colaboradores na organización do proxecto Roteiros de Lalín, que leva a cabo o Concello en conxunto con cidadáns que participan voluntariamente. Casares valorou “moi positivamente” a acollida por parte da cidadanía da primeira andaina, “O Roteiro dos Pazos”, que terá lugar o domingo e para a que xa hai apuntadas 170 persoas, case o 30% de fóra de Lalín. Para o tenente de alcalde a enorme aceptación da iniciativa “denota as ganas que había de que se puxesen en marcha proxectos deste tipo, que ademais de ser saudables, poñen en valor a enorme riqueza patrimonial e natural do concello de Lalín”. Casares tamén recordou que o sábado ás 18.00 horas terá lugar no Museo Municipal unha charla explicativa para que os participantes na ruta que queiran acudir, teñan unha documentación previa do que se vai ver.

Pola súa parte, o colaborador, J. Luís Rodríguez, agradeceulle ao Concello e a González Casares “a súa sensibilidade e disposición para levar a cabo este proxecto” e, do mesmo xeito, gabou a enorme riqueza de Lalín, “que grazas a estas rutas será potenciada e máis coñecida”. Rodríguez, que participou no trazado do Roteiro dos Pazos, tamén presentou o símbolo do proxecto, deseñado por Marlene Pérez e que consiste nunha frecha branca encaixada nunha folla de carballo verde. Por último, quixo destacar a “altísima calidade de andaina do domingo” de 14 Qm. E na que se poderán ver como principais atractivos patrimoniais, 4 pazos, o Castriño de Bendoiro, varios muíños e a ponte medieval de Ponte Taboada.

20 de outubro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.