A presidenta da Deputación de Pontevedra condena o asasinato dunha muller en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou a súa máxima repulsa polo asasinato dunha muller na cidade de Vigo, supostamente a mans da súa parella. A Deputación convocou de xeito urxente un minuto de silencio ás once desta mañá, ó que chama a todos os cargos políticos e funcionarios da institución provincial para mostrar a súa condena á violencia machista e ofrecer a súa solidariedade coa familia da muller asasinada.

Silva sinalou que as institucións se teñen que pór á fronte da loita contra a violencia de xénero “e aportar os recursos suficientes para unha loita eficaz contra esta lacra social”. A presidenta da Deputación volveu insistir ás Administracións públicas na necesidade dun gran pacto de Estado.

33 asasinatos no país

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou hoxe que 33 asasinatos de mulleres no que vai de ano neste país “é unha razón máis que suficiente para que todos e todas nos involucremos nesta situación máis que intolerable”. Silva fixo estas declaracións ó remate do minuto de silencio convocado ante a Deputación para mostrar a repulsa do crime machista acontecido onte na cidade de Vigo.

Carmela Silva subliñou que son 33 as mortes de violencia machista xa declaradas en España, seis aínda en investigación. Tres destas mortes producíronse na provincia de Pontevedra, coa acontecida onte en Vigo. “Temos que facer unha chamada -afirmou a presidenta- á concienciación de todos e todas para asumir a violencia machista como un problema de toda a sociedade”.

Para a presidenta da Deputación a violencia machista é unha cuestión de Estado e remarcou o compromiso da institución provincial contra esta lacra. “Xa non quedan palabras de repulsa e temos un sentimento de impotencia fronte a esta situación inasumible de tantas mortes, porque nos están a asasinar as mulleres”, concluíu Carmela Silva.

Por último, Silva recalcou a necesidade de acadar un “rexeitamento unánime” a todos os asasinos porque “nos asasinan as mulleres”.

6 de outubro de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.