A posta a punto dos cemiterios de Vilagarcía inclúe este ano a limpeza dos accesos principais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A campaña especial de posta apunto dos cemiterios municipais que o Concello leva a cabo anualmente de cara á festividade do Día de Defuntos amplía este ano o seu ámbito de actuación, cunha limpeza extraordinaria dos principais accesos aos camposantos. O concelleiro de Servizos, Lino Mouriño explicou que persoal de Xardíns leva xa días acondicionando os cemiterios municipais, mentres que operarios de Cespa e as brigadas municipais se encargan da corta de herba das cunetas das vías que conducen aos camposantos, tanto municipais como parroquiais.

Os traballos nos cemiterios dependentes do Concello, o de Rubiáns e o de Carril, consisten en complementar as tarefas ordinarias de limpeza e xardinería que se levan a cabo de forma habitual, coa reposición de grao de pedra nos camiños e pequenos arranxos que se puideran detectar, por exemplo no sistema de iluminación, xa que os días de Todos os Santos e de Defuntos o horario de apertura amplíase ata a noitiña.

Mouriño tamén comentou que o persoal de Cespa estivo traballando na estrada da Laxe, un acceso moi frecuentado para ir ao Cemiterio Municipal de Rubiáns e anunciou que os traballos proseguirán pola avenida de Rubiáns. Pola súa banda, persoal municipal de limpeza encárgase da limpeza e corta de maleza das cunetas do rueiro que da acceso aos diferentes cemiterios parroquiais.

26 de outubro de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.