A OMIX organiza un curso de iniciación ao GIMP para xóvenes de Ames
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames organiza para mediados do mes de novembro un curso de iniciación na edición de imaxes a través da aplicación libre, gratuíta e multiplataforma GIMP. O curso, dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 16 anos, é de nove horas e desenvolverase todos os martes e venres de 19:00 a 20:30 horas entre o 17 de novembro e o 4 de decembro, na Aula CeMIT da Casa da Cultura de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto ata o día 10 de novembro e poderase facer de xeito presencial na OMIX de Ames e na Aula CeMIT de Bertamiráns, ou a través dos teléfonos 616083229 e 662371511.
GIMP é unha alternativa a outras aplicacións de edición de imaxes, que permite realizar tarefas habituais deste tipo de programas como recortar, escalar, xirar, inserir textos, traballar con capas ou aplicar efectos avanzados. A través do curso coñeceranse as diversas ferramentas que ten GIMP para a manipulación de imaxes e desenvolveranse as técnicas e destrezas necesarias para a realización de imaxes que poderemos usar en páxinas web, documentos, etc.
Ademais de adquirir unhas nocións básicas sobre o programa, os mozos e mozas poderán profundizar sobre aspectos concretos de deseño gráfico, facendo un repaso polas súas ferramentas máis comúns. O principal obxectivo do curso é que os mozos/as coñezan e manexen con soltura as principais opcións do programa e que facilite unha maior rapidez na aprendizaxe de aplicacións de imaxe.
GIMP le e escribe a maioría dos formatos de ficheiros gráficos, ademais de contar co seu propio formato de almacenamento de ficheiros. O programa ten varias ferramentas de selección, pintado e modificación de escala, inclinación, deformación, clonado en perspectiva ou brocha e tamén de manipulación de texto. GIMP dispón, igualmente, de filtros para a manipulación das cores e o aspecto das imaxes, como enfoque e desenfoque, eliminación ou adición de manchas, sombras ou mapeado de cores. Tamén conta cun amplo catálogo de efectos e tratamentos das imaxes.











