A Oficina de Voluntariado de Ames puxo en marcha unha decena de actividades para o novo curso
O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado (OVA), organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amesá. Durante este mes de outubro botaron a andar a práctica totalidade das actividades ofertadas, agás o curso de español para estranxeiros do Milladoiro, que comezará a finais do próximo mes de novembro. En total son 156 as persoas que decidiron participar dos cursos e obradoiros que ofrece a OVA para o curso 2015-2016.
Por décimo terceiro ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, puxo en marcha as Escolas Integrais de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta escola, moitos amesáns que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos, aprenden a ler, a escribir ou a facer pequenas operacións matemáticas. En Bertamiráns, as clases impártense para un grupo de 18 persoas os martes e xoves, de 16:30 a 18:00 horas, mentres que no Milladoiro esta actividade desenvólvese para dous grupos, un de 9 e outro de 12 persoas, os mércores e venres, de 16:30 a 18:30 horas.
Logo da boa aceptación que tivo o ano pasado, este exercicio repítese o obradoiro para maiores “Achégate ao inglés”, do que participan 21 veciños e veciñas divididos en dous grupos de 9 e 12 persoas. O curso desenvólvese en Bertamiráns os luns e mércores en dúas quendas, de 10:30 a 11:30 horas e de 12:00 a 13:00 horas. Moi boa acollida está a ter tamén o curso de relaxación a través da pintura que se organiza en Bertamiráns. 14 persoas participan da terceira edición desta actividade os xoves de 18:00 a 20:00 horas.
Seminario de amigos da viticultura
Un ano máis, a actividade que máis interese esperta entre a veciñanza amesá é o seminario de amigos da viticultura, que se imparte no Milladoiro para un total de 28 persoas. Neste curso abórdanse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, facilítanse coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e a maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, achégase información sobre as mellores técnicas de poda que se deben aplicar.
Outra das actividades que comezou este mes de outubro foi o club de lectura para maiores do Milladoiro, que se desenvolve os martes, en horario de 16:30 a 17:30 horas, e do que participan 11 persoas. Ademais, botou a andar o curso de español para estranxeiros de Bertamiráns, un obradoiro no que participan 9 veciños e veciñas co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países. As clases impártense os martes e xoves, de 12:00 a 14:00 horas. O curso de español para estranxeiros do Milladoiro comezará a finais do próximo mes de novembro e desenvolverase os luns e mércores de 10:00 a 12:00 horas.
Ademais, dende a Oficina do Voluntariado deron comezo aos cursos de patronaxe, corte e confección, con 11 persoas, de costura para principiantes, con 9 persoas, e de ganchillo para novatos/as, no que participan outras 12 persoas. Estas tres actividades desenvólvense en Bertamiráns. Os cursos de patronaxe e costura son os xoves, de 10:00 a 12:00 horas, mentres que o de ganchillo ten lugar os venres no mesmo horario.
Por último, este curso volve a organizarse o programa de apoio escolar, do que participan dous grupos de rapaces e rapazas, 14 en Bertamiráns e 7 no Milladoiro. Un grupo de 8 voluntarios e voluntarias, 4 por grupo, colaboran no desenvolvemento deste programa. Ademais, 4 voluntarios/as máis colaboran no programa de acompañamento a persoas maiores que tamén puxo en marcha, un ano máis, a Oficina do Voluntariado.











