A nena galega que padece unha enfermidade neurodexenerativa segue tranquila e sedada
Andrea, a nena galega de 12 anos que padece unha enfermidade neurodexenerativa irreversible, permanece sedada e “tranquila” no Hospital Clínico Universitario de Santiago, á espera de que se produza un “desenlace” final da súa situación, un “transo difícil” ante o que os seus pais pediron “respecto”.
Así o asegurou este xoves o seu avogado, Sergio Campos, que acudiu aos xulgados de Santiago para recoller un informe médico da menor, á que esta semana se accedeu a retirar a alimentación artificial e iniciar un proceso de sedación.
Campos contou que o estado de Andrea é “máis ou menos o previsto” e asegurou que non haberá declaracións adicionais sobre a súa evolución, dado que “a idea é respectar este transo difícil para os pais”.
A SEDACIÓN AUMENTA
“Unicamente dicir que as cousas van como por desgraza esperabamos que fosen”, indicou o letrado, á vez que precisou que non se pode saber se isto é cousa de horas, de días ou de semanas”. “Non está na nosa man saber cando se producirá o desenlace”, sinalou.
Polo momento, a nena continúa “tranquila” e está “a durmir polas noites” grazas á sedación que se aumenta día a día” en función da “deterioración” do seu organismo.











