A mesa electoral que supervisou as eleccións da CEP “non se decataba de nada”
A mesa electoral que supervisou os comicios nos que se elixiu á actual directiva da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) “non se decataba de nada”, segundo admitiu este xoves o que era o seu presidente, José Mañas, no xuízo que se celebrou en Vigo tras a presentación dunha demanda de impugnación por parte dun sector crítico da organización empresarial.
Así, Mañas sinalou que, durante a votación celebrada o pasado 26 de febreiro a mesa non tivo constancia de que se producise ningunha irregularidade, nin tampouco de que houbese unha vintena de delegacións de voto “dubidosas”, como así denunciouse posteriormente.
Mañas explicou ante a xuíza da sala de primeira instancia número 1 que se deixou “asesorar” en todo momento polo secretario da CEP, Medardo Arias, e que foi el quen lle dixo que non era necesario pedir o DNI ás persoas que ían votando, porque xa foran identificados e acreditado previamente.
Do mesmo modo, o que era presidente da mesa electoral, afirmou que a acta desa asemblea se asinou días despois e que, solo despois de que se asinase, “se comentou” que “houbo queixas” por supostas irregularidades nas sinaturas delegadas. “Se o soubese antes, quizais non asinase a acta. Sentinme mal porque os acontecementos subiron de ton e houbo un malestar xeral. Sentinme utilizado”, recoñeceu no xuízo.











