A I Feira do Emprendedor atrae a medio millar de persoas inscritas e interesadas en emprender as súas ideas de negocio en Ourense
O Centro Cultural José Ángel Valente acolleu durante toda a xornada a I Feira do Emprendedor do Concello de Ourense, coa que concluiu o Programa Local de Apoio ao Emprego posto en marcha coa colaboración da Cámara de Comercio e coa financiación do Fondo Social Europeo. Nesta iniciativa inscribíronse 507 participantes, obrigando pechar as inscripcións o pasado venres. De feito, preto de 2.000 persoas (participantes inscritos e público en xeral) pasaron durante o día de hoxe por esta feira.
Talleres, conferencias, mesas redondas e actividades grupais de coaching conformaron esta iniciativa, na que tamén se entregaron os diplomas dos participantes no Curso de Márketing Empresarial. Tal e como anunciou o alcalde na clausura da feira, neste período, ata o de agora tres dos participantes neste curso crearon as súas propias pemes, estando xa dados de alta na Seguridade Social.
Durante a inauguración da Feira do Emprendedor, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez amosou a súa dupla satisfacción polo éxito de participación do evento: pola súa faceta como alcalde da cidade e como profesor universitario da Facultade de Empresariais e Turismo. “Agora, estando na esfera da xestión política, toca poñer en marcha proxectos que engrandezan o tecido empresarial da miña querida cidade. Un dos meus obxectivos fundamentais é que o emprego sexa un vector transversal nas políticas municipais: Todo ten que confluir na creación de emprego. Porque con emprego, garantimos as máis altas cotas de benestar na nosa sociedade.
É por isto que as administracións non podemos ser alleas ás iniciativas de autoemprego que poñen en marcha os motores fundamentais da nosa economía: os emprendedores. O Concello, como administración máis cercana e próxima, debe poñer a disposición destas inquedanzas todos os mecanismos ao seu alcance para que as ideas de negocio se materialicen en empresas. De aí o noso esforzo diario en artellar accións e servizos, como é o feito de contar cun Punto de Atención ao Emprendedor, froito da colaboración institucional co Ministerio de Industria, ou a posta en marcha de feiras como a que hoxe inauguramos, onde as ideas cobran protagonismo para se convertiren en realidade. O noso esforzo, o esforzo da Concellería de Promoción Económica e da Cámara de Comercio reside en crear este clima de emprendemento. Sementando ideas para colleitar realidades”.
Tanto o alcalde como o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, fixeron un agradecemento expreso á anterior Corporación, así como aos grupos políticos da actual, e ás entidades colaboradoras e participantes chegados de toda Galicia.











