A Guarda acolleu a primeira sesión de “Conversas coa Xuventude”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+
Sesión de "Conversas coa Xuventude"

Sesión de “Conversas coa Xuventude”

Esta fin de semana celebrouse a primeira das sesións do ciclo “Conversas coa Xuventude”, que nace no Concello da Guarda coa intención de crear un espazo de encontro entre a administración local e a mocidade do municipio.

Este primeiro encontro contou coa presenza do ex alcalde guardés José Manuel Domínguez Freitas e coa do actual alcalde, Antonio Lomba. O acto foi presentado pola Concelleira de Xuventude Elena Baz. 

O primeiro en tomar a palabra foi Freitas quen fixo un percorrido entre as diferentes accións que se levaron a cabo en temas de Xuventude durante os oito anos que el foi alcalde. Así, o ex alcalde guardés falou e explicou que, aínda que algunhas actividades ou accións non fosen programadas directamente para a mocidade, sempre, “de forma transversal” aparecía a xuventude. Desta maneira afirmou que durante o seu mandato, e tamén nesta lexislatura, os mozos e as mozas da Guarda son unha peza fundamental. 

Pola súa banda, Antonio Lomba, afirmou que, aínda que é complicado que as políticas de xuventude cheguen a conectar cos mozos e mozas, este tipo de actos son “moi esperanzadores” xa que é “moi positivo e importante” que a mocidade participe na política municipal. 

O alcalde da Guarda aproveitou este encontro para presentar os alí presentes un novo programa dirixido a eles. Así, Lomba, explicou que quere implicar a xuventude da Guarda cunha nova iniciativa na que se busca ofrecer a Guarda coma un espazo de expresión artística. “Queremos que a xente poida entender o os espazos e o mobiliario público coma propios. Ofrecer a xente a posibilidade de actuar sobre eles para embelecelos e convertelos así en algo propio, ”, dixo Lomba. E continuou: “facendo que verdadeiramente A Guarda sexa cousa de todos

Esta foi a primeira das xornadas abertas que o Concello ten programadas coa xuventude. Nestes encontros o que se busca é facilitar ferramentas de participación directa entre a mocidade e o goberno local.

Espérase que nos seguintes encontros sexa un maior número de mozos e mozas os que acudan e expoñan as súas propostas, necesidades e demandas ó goberno local.

O obxectivo final é tecer redes de colaboración para conseguir melloras para toda a poboación da vila, especialmente para a máis nova.

5 de outubro de 2015 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.