A Fundación Celta ofrece apoio escolar á canteira celeste
A Fundación Celta de Vigo asinou un importante e novo convenio de colaboración coa empresa de formación Idea Educación Integral para proporcionar un servizo de apoio escolar aos xogadores da canteira celeste.
Este convenio supón un importante avance para o proxecto de fútbol base do RC Celta, que a partir desta tempada contará cun grupo de profesores e especialistas que axudarán a mellorar o rendemento académico dos canteiráns, esencial para o seu desenvolvemento persoal. As clases impartiranse nas instalacións deportivas do club os martes, mércores e xoves antes ou despois dos adestramentos.
A empresa Idea Educación Integral convértese así no centro oficial de apoio escolar da canteira do RC Celta e pasará a ter consideración de membro protector da Fundación Celta. A Fundación continúa traballando no desenvolvemento de novas ferramentas coas que fortalecer as súas estruturas, como este convenio, co que se dá un importante paso nun aspecto básico como é a formación académica dos futbolistas da canteira.











