A familia do paciente con sospeita de ébola é usuaria dos Servizos Sociais da Coruña
A familia do paciente con sospeita de ébola é usuaria dos Servizos Sociais da Coruña, segundo confirmou o alcalde herculino, Xulio Ferreiro, quen indicou que “dende o primeiro momento” están en contacto co Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) para poder realizar un seguimento aos familiares.
Ferreiro informou aos medios de comunicación que o Concello está ao tanto da situación da familia do home natural de Guinea que se atopa illado no Hospital Meixoeiro de Vigo tras ser trasladado este mércores dende A Coruña.
Así mesmo, o rexedor coruñés indicou que os Servizos Sociais municipais están en contacto “dende o primeiro momento” cos servizos médicos do Chuac.
“Nós o que fixemos foi poñer a disposición do Chuac os Servicios Sociais da Coruña porque teñen un coñecemento máis profundo da situación da familia, pero quen está a coordinar é o Chuac”, afirmou o rexedor.
“Estamos ás súas ordes”, apuntou o alcalde que, aínda que non avanzou datos sobre o paciente, si confirmou que a súa familia reside na Coruña e é usuaria dos Servizos Sociais municipais.











